Entrevistas

“O novo plan estará vixente no 2016”

Francisco Marín, presidente da Confederación H. Miño-Sil, busca achegar este ente a administracións e cidadáns
Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, durante a entrevista./Foto: Carlos G. Hervella.
Francisco Marín, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, durante a entrevista./Foto: Carlos G. Hervella.

Un plan hidrolóxico é unha fotografía dunha conca. Retrata o estado dos seus ríos, encoros, augas subterráneas… Pero supón ademais “un programa de medidas de mellora no que interveñen todas as administracións do Estado, por iso é moi complexo. Tamén complementa á normativa estatal coas especificidades desa conca”, matiza Francisco Marín Muñoz, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), con sede na cidade de Ourense. O primeiro plan hidrolóxico desta conca entraba en vigor en abril de 2013, un mes despois de que tomase as rendas do organismo. Agora, tras tres anos no cargo, afronta a última parte da revisión deste documento.

Así ata finais de xuño o proxecto do plan 2015-2021 do Miño-Sil estará en consulta pública. Nel conclúese que o 75% das 285 masas de auga desta conca están nun bo estado e recóllese un programa de 500 actuacións para mellorar as súas condicións. “O novo plan deberá estar vixente o 1 de xaneiro de 2016”, adianta.

A Miño-Sil é a confederación máis xove de España, ¿como califica o momento polo que pasa agora?

A primeira confederación en crearse en España foi a do Ebro en 1926 e a penúltima a do Norte, a principios dos 60. A partir de aí, Galicia tiña a reivindicación histórica de que o principal río da Confederación do Norte, o Miño, contase co seu propio organismo de conca como sucedía cos outros grandes ríos españois. Por unha circunstancia política que se deu no 2008 abriuse a lei e dividiuse esa confederación en dúas: a do Cantábrico e a do Miño-Sil. A nosa confederación comezou a funcionar de modo efectivo o 1 de xaneiro de 2009 e no 2010 empezamos a crer que estabamos nunha situación de crise, co cal iso redundou en que a súa estrutura sexa bastante máis reducida que a doutras confederacións do mesmo tamaño xeográfico. Agora a CHMS mira cara ao futuro e está nun momento de asentamento, de crerse que é un ente autónomo cunha misión. Nos tres últimos anos intentamos crear organismo. É certo que se crea mediante unha lei, pero se detrás non hai unha organización, persoas que dan un servizo, pois non existe. Por iso tratamos de achegarnos aos territorios de Galicia, Castela e León e Asturias que pertencen á demarcación.

Ese é un dos retos da CHMS…
Si, facerse un organismo próximo e accesible ás administracións e aos cidadáns. O noso obxectivo é preservar o río e mellorar a súa calidade e para iso temos unha serie de instrumentos.

Dende hai tres meses está en exposición pública o novo plan hidrolóxico, ¿que supón este documento?
A Directiva Marco da Auga (DMA) do ano 2000, que foi trasposta á normativa estatal, xa marcaba uns fitos. Dicía que no 2009 cada país membro debía ter aprobado un plan hidrolóxico por conca, pero nese ano en España non tiñamos ningún plan aprobado, o que é causa de sanción. Ábrenche un expediente e retíranche os fondos europeos. Este goberno no 2012 dixo “hai que porse as pilas” e o primeiro plan en aprobarse foi o do Miño-Sil en abril de 2013 e no 2014 aprobáronse todos. A DMA tamén sinalaba unha revisión do plan cada seis anos. E para iso hai que seguir un proceso longo no que se identifican os grandes problemas da demarcación, o chamado esquema de temas importantes, que hai que someter a seis meses de información pública para que se presenten alegacións, logo contestalas e facer o borrador do plan, con outros seis meses de consulta. Isto implica que para telo vixente en xaneiro de 2016 tivemos que empezar con el en xaneiro do 2014. Estamos en data e en setembro estarán contestadas as alegacións e incorporadas as que se estimen, de tal maneira que o plan poda estar aprobado no Consello de Ministros antes de final de ano. Nas próximas semanas faremos xornadas abertas ao público en cada provincia da demarcación nas que se explicará o plan dende o punto de vista xeral, pero tamén no relativo á problemática de cada zona. Ademais na cidade de Ourense faremos unha xornada central 15-20 días antes de que acabe o prazo de exposición pública.

Texto: Ángeles Rodríguez
A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel de marzo do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button