CulturaMúsicaÚltima hora

O novo programa “Galicia Emerxe” reúne a 50 grupos e solistas galegos

Actuarán nomes tan recoñecidos como Xoel López, Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha ou Susana Seivane, entre outros

 

O novo programa de televisión “Galicia Emerxe” ofrecerá un total de 50 concertos ao vivo de grupos e solistas galegos de diferentes estilos e xéneros musicais. As sesións de gravación están a ter lugar nun plató creado no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e prolongaranse durante cinco semanas. O programa foi presentado hoxe, xoves 27 de agosto, polo conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez e contará cun orzamento de 500.000 euros que se destinarán a dotar de liquidez ás empresas da industria musical ofrecendo ademais un formato audiovisual para retransmitir en televisión e con posterior difusión en liña. Forma parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico da Xunta de Galicia.

No programa actuarán artistas e bandas tan recoñecidas como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón, Triángulo de Amor Bizarro, Boyanka Kostova, Faia, Laura LaMontagne, High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera e Pauliña, entre outros. Os músicos foron seleccionados por unha comisión atendendo a criterios de traxectoria, actividade recente e perspectiva de xénero. Román Rodríguez quixo destacar que “Galicia Emerxe” contará cunha “escolma moi compensada en canto a estilos musicais, a presenza de artistas moi consagrados dentro e fóra de Galicia, xunto a talentos emerxentes”.

 

Actuación de Woyza na presentación de “Galicia Emerxe”.

 

Na presentación, ademais do conselleiro en funcións, estiveron presentes o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo e o director da Área de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea. Tamén acudiron o gaiteiro Xosé Manuel Budiño e a cantante Woyza, que ofreceron a interpretación en directo de dous dos seus temas.

Fotos: cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button