CulturaCulturaÚltima hora

O novo proxecto do director valdeorrés Ignacio Vilar, no Festival de Cans

A rodaxe de “Maria Solinha 2.0” está prevista para os meses de outubro e novembro en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra

O novo proxecto cinematográfico do director petinés Ignacio Vilar (“A esmorga”, 2014; “Sicixia”, 2016), está de actualidade. Vén de recibir o apoio da Deputación de Pontevedra á longametraxe e de ser incluído na sección “A que andas?” da 15ª edición do Festival de Cans.

Na mañá do 25 de maio tiña lugar na Sala de Prensa do Pazo Provincial a presentación oficial do apoio da entidade provincial a “Maria Solinha 2.0”, proxecto de filme en cuxo desenvolvemento traballan as produtoras Vía Láctea Filmes e Vigópolis, e cuxa rodaxe está prevista para os meses de outubro e novembro en diferentes localizacións da provincia de Pontevedra (Cangas, Vigo, Cíes, Bueu, etc.).

E nada máis rematar o acto, Ignacio Vilar trasladábase ata o Festival de Cans, cita imprescindible no calendario anual do audiovisual galego que celebra este ano as súas 15 primaveras. No xa mítico “Baixo de Moncho”, e acompañado de Laura Fernández, da produtora Vía Láctea Filmes, presentou as claves de “María Solinha 2.0” na sección “A que andas?”, que ofrece ao público unha ollada aos proxectos de filmes que están a pechar financiamento ou preto de iniciar a rodaxe.

Tal como adiantan dende Vía Láctea Filmes, a longametraxe está baseada nunha historia real que se desenvolve na Cangas do s. XXI e comparte certos paralelismos coa lenda da heroína galega do século XVII. Neste senso, a proposta cinematográfica entronca coa actual reclamación da dignidade da muller en todos os eidos da sociedade (familiar, laboral, educativo, político, xurídico…) e convida á reflexión sobre os desafíos que debe afrontar unha muller no s. XXI a través dunha orixinal historia con vocación universal.

Artigos relacionados

Back to top button