A GudiñaConcellosÚltima hora

O núcleo do Seixo (A Gudiña), declarado aldea modelo pola Xunta

Ten un perímetro 31,78 hectáreas, abranguendo unhas 223 parcelas e uns 76 propietarios

 

O núcleo do Seixo, no concello ourensán da Gudiña, e o de Mouteira-Parada, na localidade pontevedresa de Cerdedo-Cotobade, veñen de ser declaradas pola Consellería do Medio Rural como novas aldeas modelo de Galicia, no marco da Lei de recuperación da terra agraria. A decisión tómase días despois de que se declarasen outras tres figuras deste tipo: Francos de Proendos -en Sober-, Covelo -en Taboadela- e Carzoá -en Cualedro-.

En total, acádanse así as 19 aldeas modelo na nosa comunidade. No caso do Seixo, na Gudiña, beneficiarase da iniciativa un perímetro de 31,78 hectáreas, distribuídas nunhas 223 parcelas duns 76 propietarios catastrais. Mentres, a de Mouteira-Parada en Cerdedo-Cotobade conta con 19,6 ha, unhas 427 parcelas e uns 109 titulares catastrais

A partir de agora, realizaranse traballos de limpeza e recuperación en todas as parcelas incluídas nestas aldeas para poñelas a producir mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos agricultores, gandeiros ou silvicultores interesados no seu aproveitamento. Deste xeito, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán ademais como devasa natural fronte ao lume, xa que serán os cultivos os que actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, estas aldeas modelo suporán a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.

No marco da Lei de recuperación da terra

Promovidas pola Xunta e polos respectivos consistorios, as aldeas modelo teñen como obxectivo recuperar as terras en estado de abandono ou infrautilizaO nción na contorna dos núcleos poboacionais, para así contribuír á súa posta en valor fixando poboación e mellorando a calidade de vida nesas zonas, ao tempo que se reforza a prevención dos lumes na proximidade das vivendas.

A maiores das cinco xa mencionadas, están declaradas tamén as aldeas modelo lucenses de Trascastro (O Incio), Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), Moreda (Folgoso do Courel) e Bustelo de Fisteus (Quiroga). Tamén as ourensás de Osmo (Cenlle), Penedo (Boborás), Muimenta (Carballeda de Avia), Infesta (Monterrei), Reboredo (O Pereiro de Aguiar), Xacebáns (Quintela de Leirado), Meixide (A Veiga), Trelle (Toén), Trabazón (O Irixo) e Pedrosa (Riós).

Artigos relacionados

Back to top button