ConcellosÚltima hora

O obradoiro “Bosques de Trevinca-Macizo Central” recibe ao delegado da Xunta

Forma a 20 alumnos e agrupa aos concellos da Veiga, Viana do Bolo e O Bolo
Autoridades e alumnos do obradoiro "Bosques de Trevinca-Macizo Central".
Autoridades e alumnos do obradoiro “Bosques de Trevinca-Macizo Central”.

O obradoiro “Bosques de Trevinca-Macizo Central”, que agrupa aos concellos de A Veiga, O Bolo e Viana do Bolo, está a formar a unhas 20 persoas desempregadas. O alumnado compaxina unha formación teórico-práctica de xardinería e albanelería co desenvolvemento dun traballo remunerado. Ademais deste programa mixto de formación e emprego tamén se benefician outras 6 persoas que forman parte do persoal directivo, docente e de apoio administrativo.

Durante os seis meses de duración do obradoiro (que conta cun investimento de 177.000 euros da Consellería de Traballo e Benestar) os seus alumnos porán en práctica os coñecementos adquiridos. Así, as 14 persoas que elixiron o módulo de xardinería e as 6 que optaron pola disciplina de albanelería realizarán traballos de recuperación de infraestruturas e zonas verdes. En Viana do Bolo acondicionarán os parques infantís das zonas de As Carrelas e O Ferradal, e doutras zonas verdes municipais, e recuperarán as zonas axardinadas do campo de fútbol, da gardería e do colexio.

No municipio do Bolo levaranse a cabo labores de axardinamento con especies autóctonas na praza dos Navallos de Celavente e na praza de Valdanta, ademais da restauración dun edificio en Chao do Castro e da fachada da antiga escola de Valbuxán, e a ampliación dunha ponte. Por último, no concello da Veiga, o alumnado deste obradoiro de emprego traballará no lugar de O Coiñedo no axardinamento de espazos públicos e na recuperación de camiños tradicionais.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, comprobaba na mañá do 7 de novembro o desenvolvemento dos traballos deste obradoiro en Viana do Bolo. Nesta visita estivo acompañado polo xefe territorial de Traballo e Benestar, así como polo alcalde da vila, Andrés Montesinos, e polo rexedor de A Veiga, Edesio Yáñez.

Artigos relacionados

Back to top button