ConcellosÚltima hora

O Obradoiro de Emprego “Macizo Central” forma a 20 alumnos

Os concellos participantes nel son Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río

 

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado dos alcaldes de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez; Manzaneda, Amable Fernández; San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez; e a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, o Obradoiro de Emprego ‘Macizo Central’.

Este obradoiro, no que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste 346.946.00 euros, está a formar a 20 alumnos – traballadores no módulo de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Os concellos beneficiarios son: Chandrexa de Queixa, Manzaneda, A Pobra de Trives e San Xoán de Río.

As persoas desempregadas que participan nestes programas, que desenvolven os concellos, mancomunidades e entidades sen ánimo de lucro do sector forestal, poden acceder ao longo de 9 meses a unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade e a un contrato de traballo. Ademais, unha vez remate o obradoiro, os alumnos e alumnas teñen a opción de traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación.

Os participantes están a desenvolver as súas tarefas de limpeza de camiños municipais de acceso a masas frondosas autóctonas e rutas de sendeirismo no concello de Manzaneda; adecuación e limpeza de roteiros de sendeirismo en A Pobra de Trives (Penalonga, Sequeiros de Penafolenche e Ruta da Vía Nova); obras de mellora e tratamentos silvícolas nas fincas de A Nogueira e Pico Rasa en San Xoán de Río; e acondicionamento e mellora de rutas de sendeirismo en Chandrexa de Queixa.

Gabriel Alén destacou que a formación que se imparte nos concellos está adaptada aos perfís máis demandados das empresas da contorna polo que algúns alumnos atopan emprego mesmo antes de finalizar a súa formación. O delegado da Xunta felicitou aos participantes: “porque teredes a oportunidade de formarvos durante meses e de traballar para mellorar as vosas capacidades profesionais e a vosa empregabilidade, polo que é moi importante aproveitar esta formación para poder atopar un emprego”.

É meta dos obradoiros duais de emprego o incremento das oportunidades laborais dos galegos e galegas. Teñen unha tripla dimensión: mellorar a empregabilidade dos participantes ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade da man dos expertos que a imparten; desenvolver actuacións de mellora en espazos públicos, así como a prestación de servizos de interese xeral e social; ademais de colaborar coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.

 

Artigos relacionados

Back to top button