ConcellosÚltima hora

O Obradoiro de Emprego SilLor VIII comeza a traballar en Quiroga

Dende o pasado mes de novembro os seus alumnos estiveron realizando obras no veciño concello de Ribas de Sil

Cedida.

 

O equipo do Obradoiro de Emprego SilLor VIII vén de empezar a traballar en Quiroga. Os traballadores do obradoiro dual de emprego de Quiroga e Ribas de Sil, que estiveron realizando obras dende o pasado mes de novembro no concello de Ribas de Sil, trasladáronse agora ao municipio de Quiroga.

Esta mañá comezaron a preparar o terreo no que se construirán as beirarrúas na rúa que se está abrindo entre a rúa Tallos e a Rego da Silva e que dará servizo ao novo cemiterio municipal.
O rexedor local, Julio Álvarez, achegouse ata a zona para saudar aos traballadores á vez que falou da obra co capataz do obradoiro e co encargado da obra.

Durante catro meses, os alumnos traballadores, da especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, estarán agora traballando nestas beirarrúas nas que comezaron eliminando un peche cheo de maleza para despois realizar o muro da zona reservada para os viandantes.

Os alumnos-traballadores integrados neste programa conxunto dos concellos de Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel, reciben durante nove meses unha formación de calidade con opción a obter un certificado de profesionalidade, segundo informa o Concello de Quiroga. Ademais, unha vez remate o obradoiro, poderán traballar nunha empresa da contorna por un mínimo de tres meses cun contrato a xornada completa. Para este fin, a Xunta concede incentivos á contratación, solicitados polos promotores do obradoiro.

Artigos relacionados

Back to top button