ConcellosÚltima hora

O obradoiro dual “Ribeiro en marcha” forma 20 desempregados para ter acceso ao mundo laboral

Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro serán os concellos que formarán durante 9 meses aos alumnos. Promovida pola Mancomunidade do Ribeiro, conta cun investimento da Consellería de Economía de máis de 295.000 euros e rematará a mediados de agosto

 

A iniciativa “Ribeiro en marcha” coa delegada territorial da Xunta.

 

“Ribeiro en marcha”, a iniciativa de emprego promovida pola Mancomunidade do Ribeiro, consiste na oferta de 20 prazas para desempregados achegados dos concellos de contratos de formación e aprendizaxe durante 9 meses que permita abrir portas a un futuro laboral. Estes obradoiros de emprego permiten, a súa vez, recibir aos participantes un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

A oportunidade consite en 9 meses de formación en obradoiros para especializarse en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería e en fábrica de albanelería. Este tipo de programas mixtos de formación e emprego céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibilitan un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a posterior inserción laboral das persoas desempregadas que o realizan. Tamén posibilitan que os participantes ademais de recibir formación tamén perciban o salario mínimo interprofesional.

Os 20 alumnos que se están a formar e traballar neste obradoiro realizan labores xardinería e albanelería en núcleos de poboación dos concellos pertencentes a esta entidade supramunicipal: Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro. Como novidade desta modalidade dual, cabe destacar que agora permite que parte dos seus participantes conten, unha vez finalizado o período de formación, cun contrato en prácticas de polo menos 3 meses nunha empresa emprazada na zona.

A formación ten previsto rematar a mediados do vindeiro mes de agosto e durante os nove meses da súa duración o alumnado desenvolve, entre outras actuacións, o acondicionamento do espazo público para lecer nas Lombas, en Arnoia; a zona verde na área do Salgueiral e a cubrición dos vestiarios do campo de futbol de San Bartolomé, en Leiro; a recuperación ambiental do paseo das bieras do río Miño e a construción de beirarrúa e de zona axardinada fronte á Casa Consistorial, en Cenlle; a mellora de espazos públicos en Beade; e a recuperación dun sendeiro no parque termal A Carballeira e axardinamento das zonas verdes do campo da feira, en Cortegada.

A delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta iniciativa de emprego, animando aos alumnos a “aproveitar ao máximo a oportunidade que se lles brinda” e a seguir mellorando a súa cualificación para acceder a un posto de traballo. Tamén lembrou o compromiso da Xunta cunha formación adaptada aos novos perfís profesionais e ás demandas actuais do tecido empresarial.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa na provincia de Ourense un total de 21 obradoiros nos que inviste 5,6 millóns de euros e que beneficiarán a 402 persoas en situación de desemprego. Dos 21 programas mixtos, 18 son duais e o resto, son específicos para menores de 30 anos, unha iniciativa que forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil para seguir impulsando o emprego entre a mocidade.

Texto: Carlota Pérez de Juan Burgos

Artigos relacionados

Back to top button
Close