CulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

O Orfeón canta a “Misa Valdeorras” na igrexa de San Mauro do Barco

A presentación é un dos actos conmemorativos do 35º aniversario do coro valdeorrés e do IEV

Non era a primeira vez que o Orfeón Valdeorrés interpretaba a misa composta polo seu director, José Ramón Mansilla. De feito, hai apenas dous meses cantábana na catedral de Chartres, durante o seu tour musical por Europa. Pero si era a primeira vez que a cantaban en casa, en Valdeorras, diante do seu público.

Cunha gran acollida, na tarde do 4 de outubro, o Orfeón Valdeorrés vestíase unha vez máis de gala, para presentar a obra de Mansilla “Misa breve Valdeorras” na igrexa de San Mauro, no Barco. A presentación tiña lugar como un dos actos de conmemoración do 35 aniversario da fundación oficial do Orfeón e do Instituto de Estudos Valdeorreses, responsable da edición do libro coas partituras da misa.

Por iso, trala misa, chegarían as intervencións por parte do presidente do Instituto Aurelio Blanco e do director do Orfeón, profesor e compositor José Ramón Mansilla quen asegurou sentirse como en familia, despois de 16 anos ao fronte do coro de Valdeorras. Durante o acto tamén se rendeu homenaxe a Francisco Prieto, concelleiro na época de fundación dos dous colectivos.

Tal como explica o propio compositor, a nivel de tesitura a “Misa Valdeorras está pensada para ser interpretada polo Orfeón Valdeorrés por iso á hora de titulala, pensei que nada mellor que poñerlle o nome da comarca á que pertence”. A obra consta dun “Ten piedad”, un “Gloria”, un “Aleluya”, “Santo” e “Cordero de Dios” así como “catro episodios na vida da Virxe do Carme”. Trátase dunha Misa breve “porque faltan algunhas pezas” puntualiza Mansilla.

Mañá, domingo 5 de outubro, será no santuario de Nosa Señora das Ermitas onde as voces do Orfeón canten as pezas desta singular misa.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button