ConcellosÚltima hora

O Orfeón do Carballiño ofrecerá o seu concerto de Reis no templo de Veracruz

A agrupación carballinesa pon o ollo, tamén, nos dous concertos que realizarán en Valladolid e Viscaia nos próximos meses
Foto de grupo do Orfeón do Carballiño.

O Orfeón do Carballiño pon o punto e final a esta tempada con dous concertos no Asilo e na Veracruz, coa mirada posta nas próximas viaxes que ten previsto realizar en Valladolid e Biscaia.

Esta agrupación despediu o ano compartindo os seus cantos de Nadal no Belén Vivente que realizan as persoas maiores no Asilo de Ancianos e este venres, 6 de xaneiro, ofrecerá o seu tradicional concerto de Reis no templo de Veracruz, interpretando unha escolma de panxoliñas. Será durante a celebración da misa das seis da tarde.

Nesta primeira actuación do ano participarán os 45 compoñentes do Orfeón e catro novos coralistas. Dende a agrupación resaltaron que este aumento de cantantes implica “un signo de evidente crecemento que está a ter a agrupación” dirixida polo carballinés Christian Casas Hernández.

Este mozo director comezou os seus estudos no Conservatorio do Carballiño con tan só seis anos. No 2012 ingresou no Conservatorio Superior de Música da Coruña, especializándose en dirección coral e orquestral. Como director asistiu a varios cursos de dirección orquestral e como pianista recibiu Master Clases de pianistas como Ivan Klansky, Veekmans ou Ludovica Meca, entre moitos outros. No 2013, con só 19 anos, entrou a formar parte do Orfeón do Carballiño como director.

Tras as festas, o Orfeón non parará a súa actividade xa que comezarán cos ensaios para os compromisos que ten fóra de Galicia, como as viaxes a Valladolid e Biscaia.

No concerto de Valladolid compartirán escenario cunha das corais máis prestixiosas de Castela e León, a Agrupación Coral Ciudad de Valladolid. Esta agrupación invitou ao Orfeón de Carballiño tras unha actuación en Medina de Rioseco, no ano 2015.

Por outra banda, a Biscaia van convidados polo Coro Oihartzuna Muskiz e farán un concerto de 12 cancións onde levarán un repertorio musical de polifonía, popular galega, en inglés etc.

Artigos relacionados

Back to top button