CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Orfeón Trivés reencontrarase co público no Concerto de Aninovo, o 2 de xaneiro na Pobra de Trives

A actuación será ás 17 horas na igrexa parroquial do Santo Cristo da Misericordia

O Orfeón Trivés nun concerto na igrexa parroquial antes da pandemia. /Foto cedida.

 

Dous anos despois do último concerto, o Orfeón Trivés reencotrarase co público o vindeiro domingo 2 de xaneiro de 2022, no Concerto de Aninovo que dará na igrexa parroquial do Santo Cristo da Misericordia, na Pobra de Trivés, ás 17 horas.

Tralo parón provocado pola pandemia, o orfeón dirixido por Sandra González regresaba hai uns meses aos ensaios, adaptado o local á nova situación sanitaria e mantendo todas as medidas anticovid vixente. Nestes últimos meses xa cantaron nalgunha celebración e tamén en sendo contros corais (en Xinzo de Limia e Castro Caldelas), pero non será ata o domingo cando volvan actuar diante do público trivés, como parte do programa de Nadal do Concello da Pobra de Trives. Unha actuación que lles fai especial ilusión, non só porque levan moito tempo sen cantar en casa, senón por facelo no tradicional Concerto de Aninovo.

A directora avanza que por ser unha actuación de Nadal o repertorio será de panxoliñas, pero moi variado. Dende o Benedicat Vobis de Häendel, Tres Motetes de Julio Domínguez ou Dadme Albricias (anónimo do século XVII), ata clásicos galegos como A Belén vinde pastores, Boliños do pote ou En Belén. “E para rematar interpretaremos Noche de Paz e Adeste Fideles“, adianta Sandra González, agradecendo a colaboración do Concello de Trives e do párroco.

A propia Sandra agarda que a situación do Covid se resolva canto antes, esperando poder organizar algunha xontanza de corais con todas as garantías “na que poidamos contar con María do Ceo que tralo concerto que deu en Nadal en Trives, amosou o seu interese en cantar connosco”.

 

Artigos relacionados

Back to top button