En portada

O oriente ourensán e as oportunidades do ciclo superior de electricidade

AEVA e o IES Xermán Ancochea de Trives promoven en xuño unhas xornadas para difundir esta formación e as súas saídas
Imaxe dun cadro eléctrico nunha das aulas do instituto trivés./ Foto: Carlos G. Hervella.
Imaxe dun cadro eléctrico nunha das aulas do instituto trivés./ Foto: Carlos G. Hervella.

Primeiro O Barco e, a continuación, Viana do Bolo serán escenario dunhas xornadas de divulgación do ciclo superior de Electricidade no oriente ourensán. Serán promovidas pola Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) en colaboración coa dirección do IES Xermán Ancochea de Trives, onde están implantada estes estudos, e tamén coa empresa Iberdrola.

“Trátase de informar aos alumnos de 4º da ESO e 1º de Bacharelato dos contidos deste ciclo formativo, que no oriente ourensán só se pode cursar no IES de Trives, e das saídas profesionais, xa que a empresa Iberdrola contrata traballadores con esta titulación”, explican dende AEVA. Ademais Iberdrola ten previsto incorporar nun horizonte de dez anos entre 30 e 40 traballadores no oriente ourensán, tal e como adiantaba nunha entrevista concedida ao Periódico O Sil, Miguel Ángel López, xefe de Xeración Sil de Iberdrola, que forma ademais parte da actual directiva de AEVA.

Nas xornadas incidirase así mesmo na “oportunidade para as mulleres que cursen estes estudos, derivada das obrigas legais en materia de política de igualdade, e a posibilidade de pór en marcha iniciativas empresariais relacionadas con este campo”, segundo se indica dende AEVA.

As xornadas comezarán o día 4 de xuño no IES Martaguisela do Barco, en horario de 11:20h. a 12:10h. Continuarán o 18 de xuño no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, en horario de 10:55h.-11:45h. Nas sesións intervirán o xefe de Xeración Sil de Iberdrola, Miguel Ángel López, e o director do IES Xermán Ancochea de Trives, Francisco García.

Texto: A.R.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button