En portadaÚltima hora

O oriente ourensán, fóra das zonas máis afectadas polas novas restricións da Xunta

Trátase de 60 concellos galegos, dos que 10 son ourensáns, entre eles Ourense, Verín, O Carballiño e Xinzo

O presidente da Xunta de Galicia, durante a súa comparecencia.

 

Pasadas ás 13h. deste 4 de novembro o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, comparecía para anunciar as novas restricións acordadas polo Comité Clínico que segue a evolución da pandemia do Covid-19 (reunido onte e hoxe pola mañá). “A situación é complexa e as restricións deben reformarse na liña das que viñamos facendo nas últimas semanas”, aseguraba Feijóo, incidindo no “repunte perigoso” que se producía nos últimos quince días na comunidade que pasaba de 4.569 casos activos a 9.642, na xornada do 3 de novembro.

Deste xeito, para intentar “conter, e se é posible reverter a situación, imos manter e ampliar as restricións pola nosa saúde e pola nosa economía”, dicía o titular do goberno galego antes de referirse ás novas medidas que afectarán a 60 concellos galegos, que representan o 60% da poboación. Neles aplicarase o modelo de medidas que se poñía en marcha hai unhas semanas no Carballiño, e que implica o peche de actividades non esenciais e restriccións de mobilidade perimetral. Entre eses concellos figuran a cidade de Ourense, Amoeiro, Boborás, Coles, Barbadás, San Cibrao e Toén, xunto con O Carballiño, Verín e Xinzo de Limia, así como na veciña provincia de Lugo, Monforte de Lemos e cidade da muralla. Deste xeito, a parte oriental da provincia, entre ela as comarcas de Valdeorras, Viana e Terras de Trives, quedan á marxe, pero mantendo as restricións xa vixentes.

Estas medidas detallaranse nunha orde, que se está a redactar nestes momentos, e que entrará en vigor a partir das 15h. do venres 6 de novembro e que estara vixente durante un mes, se ben podería haber modificacións puntuais en función da evolución de determinadas zonas. “Non estamos igual en todas partes, non teñen a mesma situación sanitaria nas cidades e no seu entorno, que nos concellos máis pequenos, polo tanto as restricións tampouco son uniformes. As medidas serán máis restritivas nas cidades e nos seus perímetros e en concellos puntuais cunha incidencia á alza nos últimos días”, matizaba Feijóo. O obxectivo destas medidas tan duras, dicía o presidente galego, é “evitar o confinamento domiciliario” e intentar salvar a campaña de Nadal.

Os 30 concellos galegos afectados

As cidades e zonas que terán maior restricións serán: A Coruña, xunto con Arteixo, Culleredo, Cambre e Oleiros; o concello de Lugo en solitario; Santiago con Ames, Boqueixón, Oroso, O Pino, Teo, Trazo, Val do Dubra e Vedra; Ferrol, con Ares, Fene, Neda, Narón e Mugardos; Ourense, con Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Toén; Pontevedra, con Vilaboa, Ponte Caldelas, Poio, Marín, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior; Vigo con Mos, Nigrán, Gondomar, O Porriño e Redondela.

A maiores, tamén terán as mesmas restricións os concellos con taxa de incidencia acumulada a 14 días superior a 200 casos por 100.000 habitantes, e tendencia ascendente na notificación dos mesmos: Vimianzo, Monforte, Burela, Viveiro, O Carballiño, Verín, Xinzo, Cangas, A Estrada, Lalín, Silleda, Ponteareas, Tui, Cambados, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.

Así, en todas estas zonas, estarán permitidos o 100% dos movementos para ir a traballar, á escola, a atender coidados necesarios de menores e maiores, e todos os movementos sanitarios. E o comercio funcionará cos mesmos criterios do resto de Galicia.

Tamén pechará a hostalaría, agás o servizo a domicilio e para recollida que si se poderá ofrecer; a práctica deportiva quedará restrinxida a deporte individual; e reducirase o aforo en establecementos culturais, que con esas limitacións poderán seguir funcionando –cines, teatros, auditorios, e outros recintos de público sentado poderán ocupar o 50% de cada sala, cun límite de 30 persoas en interior e 75 en exterior–.

Haberá tamén restricións de mobilidade, é dicir, non se poderá entrar nin saír destas áreas, agás por razóns laborais e actividades esenciais. “E redúcese o aforo no transporte público non escolar: o transporte urbano contará cun máximo do 50% dos asentos e co 25% do aforo de pé; e o transporte interurbano co 50%”, avanzou, subliñando que o transporte escolar queda garantido, toda vez que os asentos están asignados desde o principio de curso.

Cambios no resto de concellos

No resto dos concellos galegos tamén haberá algunhas modificacións en canto ás medidas restritivas, tal e como avanzaba Feijóo: limitaranse as saídas de usuarios fóra das residencias, aumentarán as limitacións de aforo en grandes establecementos comerciais nas zonas comúns, quedándose nun terzo; mentres que o aforo en tenda seguirá no 50%. Tamén baixará o aforo no transporte público non escolar, sendo no caso do interurbano un aforo do 50%.

Ademais, no caso de municipios nos que se permitía a reunión de persoas non conviventes ata un total de 5, ampliarase o número a 6 persoas. Tamén o horario de restrición de mobilidade nocturna entre as 23h. e 6h.

 

Artigos relacionados

Back to top button