OurenseÚltima hora

O orzamento da Deputación de Ourense no 2022 chegará aos 85,7 millóns de euros

Este documento económico que crece un 7 % con respecto ao presente exercicio, ao incorporar 6 millóns de euros máis

Publicidade
Unha das votacións da sesión plenaria da Deputación de Ourense deste venres./ Cedida.

 

Na sesión ordinaria celebrada este venres polo pleno da Deputación de Ourense, presidida por Manuel Baltar, aprobábase inicialmente o orzamento desta administración para 2022. Un orzamento que, segundo o goberno provincial, “reflicte unha previsión económica de 85,7 millóns de euros, converténdose unha vez máis na primeira administración pública de España en dar este paso.” O documento, que inclúe os orzamentos do Inorde e dos consorcios provinciais contra incendios e Augas de Valdeorras, crece un 7 % con respecto ao presente exercicio ao incorporar 6 millóns de euros máis, recuperando así a senda do crecemento iniciada en 2014, co obrigado paréntese do ano 2021 “pola necesidade de adaptarse á crise sanitaria, económica e social provocada pola pandemia”.

A memoria da proposta económica para 2022 recolle no estado de gastos 33,6 millóns de euros en persoal (39,21 %); 20,8 millóns para gastos correntes en bens e servizos (24,29 %); case 300.000 en gastos financeiros (0,35 %); 13,5 millóns en transferencias correntes (15,79 %); un fondo de continxencia de 300.000 euros (0,35 %); 10,6 millóns en investimentos reais (12,40 %); 5,5 millóns para transferencias de capital (6,43 %); e algo máis de 700.000 euros (0,82 %) e outros 300.000 euros (0,35 %) en pasivos e activos financeiros, respectivamente.

En liñas xerais, o orzamento destina 34,9 millóns de euros para obras e servizos; 9,86 millóns para cooperación cos concellos; 6,75 millóns para o capítulo social; 4,93 millóns para cultura; 1,5 millóns para educación; 2,66 millóns para deportes; e 1,55 millóns de euros para administración electrónica.

No tocante ás áreas estratéxicas, os concellos recibirán preto de 4,6 millóns de euros en transferencias de capital para os seus investimentos; mantense o plan de gastos correntes co que a Deputación axuda aos concellos que acreditan insuficiencia financeira e orzamentaria, dentro do plan de cooperación para obras e servizos; a reparación de vías provinciais contará con 1,3 millóns de euros, máis 1,5 millóns para obras novas; e 1,2 millóns estarán destinados ao programa de Acción Social en cooperación cos concellos. Cómpre apuntar que, ao igual que no presente exercicio, os concellos poderán destinar a gasto corrente, coas limitacións que establezan as bases, os 51.000 euros que reciben do Plan de Cooperación.

Polo que respecta a plans e programas cómpre destacar o Fomento do Emprego, dotado con 1.830.000 euros; Mocidade, con 549.000 euros; Natalidade, con 300.000 euros; Deporte, con 350.000 euros; o Plan Tarazana para actividades recreativas e culturais cun importe de 150.000 euros; ou a cooperación co mundo universitario a través de dúas achegas: máis de 430.000 euros para a UNED e 220.000 euros para a Universidade de Vigo.

En canto aos organismos dependentes da Deputación, o Inorde disporá o próximo ano de máis de 1,9 millóns de euros, cunha suba do 6,3 % con respecto ao ano anterior, e o Consorcio Provincial contra Incendios e de Salvamento contará con 1,4 millóns. No ámbito das emerxencias, mantense o financiamento dos GES na parte que deberían achegar os concellos, ata alcanzar os 900.666 euros, e habilítase unha partida de algo máis de 300.000 euros para paliar ao 50 %, xunto coa achega do Estado, os danos provocados polas riadas de 2019 en Monterrei, Riós, Leiro e Vilar de Santos.

Modificación de créditos

Entre outros asuntos, na sesión deste venres tamén se aprobou un expediente de modificación de créditos mediante suplementos de crédito e créditos extraordinarios, así como a modificación das bases de execución do orzamento correspondente ao vixente exercicio, por un importe total de 2,7 millóns de euros, financiados co remanente de tesourería de 2020.

No apartado de gastos de investimento, os suplementos de crédito ascenden a 2,1 millóns destinados a desenvolvemento empresarial, cooperación provincial cos concellos, patrimonio histórico artístico, actividades culturais e recreativas e acción social. Tamén dentro dos gastos de investimento, os créditos extraordinarios teñen un importe de 100.000 euros dividíndose en investimentos asociados ao funcionamento de servizos relacionados co patrimonio histórico artístico e accións de promoción comercial.

En gastos correntes, o suplemento de crédito ten un importe superior a 500.000 euros para, entre outras iniciativas, apoiar actividades culturais e recreativas de asociacións e fundacións; actividades, programas e servizos en concellos; cooperación con mancomunidades; acción social; desenvolvemento e promoción empresarial; fomento do deporte; e movemento veciñal.

Na orde do día tamén figuraba a aprobación da compravenda por parte da Deputación de unha acción da sociedade Empresa de Transformación Agraria, S.A. (Tragsa); a solicitude ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas da delegación da inspección do IAE do Concello de San Cibrao das Viñas; e a revogación da delegación na Deputación de Ourense do exercicio das competencias de xestión, liquidación e recadación en voluntaria e executiva da taxa polo abastecemento de auga do Concello de Rairiz de Veiga.

Artigos relacionados

Back to top button