ConcellosO BarcoÚltima hora

O orzamento do Barco do 2022 será 9,8 millóns de euros

Suporá un incremento duns 200.000 euros con respecto ao do actual exercicio do 2021

O alcalde do Barco, Alfredo García, na rolda de prensa desta mañá./ Foto: O SIL.

 

A un total de 9.884.166,99 euros ascende o proxecto de orzamento para o Barco no 2022 que o grupo de goberno levará ao pleno municipal. Supón un “moderado incremento” duns 200.000 euros con respecto ao do 2021, “debido fundamentalmente a que con este orzamento preténdese sentar as bases para a volta á normalidade, tras as restricións de anos anteriores”, tal e como adiantaba esta mañá en rolda de prensa o alcalde do Barco, Alfredo García. “Este ano vólvese a orzamentar absolutamente todo para o conxunto de eventos, actividades e espectáculos que contamos facer”, afirmaba.

No relativo a investimentos, o rexedor apuntaba que, “aínda que o anexo de investimentos ascende a 400.000 euros, contamos con tres grandes proxectos que serán financiados con cargo ao remanente de tesoureiría: a obra do saneamento do Barco para aspirar a depurar o 100% das augas, o proxecto de mellora do Salgueiral (por importe de 500.000 euros) e a segunda fase da obra de rehabilitación do Castro (250.000 euros). Tamén estamos pendentes doutro convenio con Adif para facer un novo paso subterráneo para vehículos á altura da rúa Xirimil e deixar o actual exclusivamente para peóns, iso tamén será unha obra importante que vai ter que confinanciar o Concello ao 50%. Tamén está decidido que a obra de plans provinciais do ano que vén vai ser a rúa Cimadevila, segunda fase que son 80.000 euros tamén”.

Outra das partidas que aparece é unha de 96.000 euros para a posta en marcha da piscina climatizada, “cuxa apertura está previsto que poida realizarse, antes de fin de ano. Trátase da cantidade que o Concello asume en concepto de canon de equilibrio de concesión”, segundo o alcalde.

Así mesmo, mantense neste orzamento “un único proxecto plurianual, o da ampliación da escola infantil, para o que se inclúen 90.000 euros”.

Finalmente, Alfredo García destacaba que neste orzamento séguese a manter “a vontade do grupo de goberno de dar continuidade aos moitos servizos que presta o Concello” o que supón, “un esforzo económico e de persoal moi relevante, tanto no que atinxe á atención dos servizos derivados das competencias propias do Concello como a outras que se están a asumir, a pesar da responsabilidade doutras administracións”.

O orzamento do Concello do Barco por capítulos

Artigos relacionados

Back to top button