En portadaÚltima hora

O orzamento do Barco no 2021 será de 9,6 millóns de euros

Son 200.000 euros menos que o do 2020, segundo o alcalde barquense, que anuncia que se presentará no pleno de marzo

 

Na sesión plenaria que a Corporación barquense celebrará en marzo someterase a votación a proposta de orzamento elaborada polo grupo de goberno municipal para o ano 2021, por importe de 9.651.000 euros (200.000 euros menos que o do ano pasado). Anunciábao na mañá deste xoves en rolda de prensa o alcalde do Barco, Alfredo García.

“É un orzamento contido, imos ser prudentes porque temos dúbidas sobre como se comportarán determinados ingresos, non temos constancia de que o que vén doutras administracións ao final sexa o que din, hai dúbidas e, polo tanto, reducimos o orzamento en 200.000 euros”, explicaba o rexedor. Ademais matizaba que neste ano “non vai haber ningún incremento de taxa, o diñeiro sacámolo fundamentalmente de reducir gasto”.

Alfredo García remarcaba o apartado de investimentos, con 580.000 euros. “Ao baixar o orzamento tamén se recorta dos investimentos, porque os servizos queremos seguir prestándoos, pero en calquera caso este vai ser un bo ano inversor para O Barco porque, a parte do que poña o Concello, vai haber investimentos confirmados para este 2021 importantes”. E como mostra citaba tres novos: as obras de humanización da avenida do Bierzo, “que vai facer a Consellería de Infraestruturas e son máis 800.000 euros que se invisten nunha rúa do Barco”; a segunda fase de rehabilitación da torre do Castro, “onde o Ministerio pon 220.000 euros, e 115.000 euros que o Concello”; e as obras de arranxo do arroio de Veigadecabo.

 

O alcalde do Barco, Alfredo García, durante a rolda de prensa desta mañá./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Estamos falando de 1.200.000 euros que, unidos aos 500.000 que pon o Concello, suporán arredor de 1,8 millóns de euros, o que dá lugar a un investimento importante, pero que non será o único que se faga. De aquí a decembro irán vindo máis axudas para actuacións municipais”, comentaba Alfredo García.

Así mesmo o alcalde barquense destacaba que nestes orzamentos mantense a totalidade de servizos que se viñan prestando dende o Concello, facendo especial fincapé nos Servizos Sociais. “Nestes momentos, a parte do persoal técnico que hai, que é bastante, hai 25 traballadoras de Axuda a Domicilio, que me parece unha cifra importante e considerable, polo tanto, iso pon de manifesto o compromiso deste Concello coa atención aos máis necesitados e, neste senso, cada ano hai un incremento do capítulo 1 en Servizos Sociais importante con respecto ao ano pasado tamén. Ese é o primeiro servizo no que nos estamos volcando”, resaltaba Alfredo García.

O orzamento manterá ademais, entre outras axudas, todas as subvencións directas que van por convenio a clubs deportivos, entidades deportivas, a algunhas entidade culturais e logo todas as sociais, nas mesmas cantidades.

Ademais no documentos da proposta de orzamentos aparecen partidas para o desenvolvemento urbanístico, entre elas figura unha referida á unidade de actuación do terreo que hai entre a avenida Conde Fenosa e o Malecón, que actualmente acolle un aparcadoiro público.

Artigos relacionados

Back to top button