En portadaÚltima hora

O orzamento estimado para o novo Centro de Saúde da Rúa é de 1,2 millóns de euros

O conselleiro de Sanidade e o alcalde da Rúa asinaron esta mañá un convenio de colaboración no que se establecen as bases para a construción desta infraestrutura sanitaria tan esperada na vila

 

Apenas quince días despois de rematar as obras da vía de acceso para o futuro Centro de Saúde da Rúa, na mañá deste luns 19 de abril, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde rues, Álvaro José Fernández López, asinaban un convenio de colaboración no que se establecen as bases para a construción desta infraestrutura sanitaria tan necesaria como esperada, que conta cun orzamento estimado de 1,2 millóns de euros e atenderá a preto de 4.000 pacientes.

O novo centro de saúde, que duplicará a superficie actual pasando dos 490 metros cadrados a máis de 1.000, terá consultas e salas de espera más amplas e incluirá unha sala de espera pediátrica específica, ademais dunha nova sala polivalente, unha consulta de atención de urxencias, unha consulta de enfermaría pediátrica e unha consulta do programa da muller. Tamén eliminará as barreiras arquitectónicas, ao pasar a ser un edificio dunha soa planta, segundo o Sergas.

 

Reunión no Concello da Rúa, antes da sinatura.

 

Trala sinatura do convenio no Salón de Plenos do Concello, o conselleiro e o alcalde, acompañados polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, polo xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, e parte da corporación municipal da Rúa, entre outros, visitaban os terreos onde se construirá o novo Centro de Saúde, na rúa Arnaveca.

Alí, o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, agradecía a presenza das autoridades asegurando que contar coa súa presenza hoxe na vila “é un avance significativo no que será a construción do Centro de Saúde, froito de moito traballo e esforzo tanto por parte da Xunta, como da Deputación e do Concello, e esperamos que a partir de agora se axilicen os trámites e pronto o vexamos construído”.

 

Durante a visita aos terreos.

 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, tivo palabras de felicitación para o alcalde rues, “que foi capaz de conxugar a palabra máxica ‘cooperación’ entre administracións tanto a nivel local como provincial e autonómico”. Coa aportación da Deputación leváronse a cabo as obras do acceso para o futuro Centro de Saúde, que hoxe visitaron, unha demanda longamente plantexada. “Álvaro soubo recoller esa inquedanza e levaba á práctica polo que parabéns a el a todo o seu equipo de Goberno”, dixo. Con esta obra, segundo Baltar, non só gana A Rúa senón todo Valdeorras cun novo servizo, especialmente necesario nun momento tan delicado como o que estamos vivindo.

Julio García Comesaña pola súa banda, referiuse a este como “un día especial para os veciños da Rúa”, no que se dá un paso máis nun proceso “que se iniciou hai un ano cando se plantexaba a posibilidade de que o actual Centro de Saúde pasase a ser do Sergas e o alcalde apostou por facer un novo cunha soa altura”, dixo o conselleiro de Sanidade. A partires de aí e trala sinatura dun protocolo comezaron os traballos. En maio do ano pasado achegábanse ata A Rúa técnicos do Sergas para ver os terreos e a Deputación asinaba o convenio para a contrución do vial de acceso “un punto importante”, dixo García Comesaña. E xa en novembro de 2020 a Xunta contemplaba unha partida de 100.000 euros para o proxecto básico de execución do centro. “Unha vez asinado o convenio de hoxe comezaremos a traballar nesa liña para ter canto antes o proxecto e nese sentido será fundamental a validación por parte da área sanitaria do plan funcional dos espazos necesario en función da actividade do propio centro sanitario, e seguir avanzando para ter canto antes ese Centro de Saúde novo que os veciños da Rúa merecen e faremos a altura das súas necesidades. Pronto volveremos para presentar o proxecto”, concluía García Comesaña.

 

O conselleiro de Sanidade co alcalde da Rúa durante a visita.

 

Renovación de infraestruturas

Desde o ano 2009 a Xunta construíu ou reformou un total de 83 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 67.800 metros cadrados. A elas hai que engadir outras nove obras que están en marcha. En total, a Administración autonómica investiu nestes 12 anos máis de 100 millóns de euros. Os orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para Atención primaria, pasando de 26 millóns de euros en 2020 a 55 millóns de euros para este ano.

Na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Ourense (O Couto), Barbadás (A Valenzá) ou Pontedeva e realizáronse importantes reformas en Carballeda de Avia, Gomesende, O Bolo, Leiro, Carballeda de Valdeorras e Cenlle. Só nesta provincia acaban de poñerse en marcha dous novos centros de saúde: o de Pereiro de Aguiar e o de Paderne de Allariz, que comeza hoxe mesmo a funcionar. Así mesmo, xa están listos os proxectos de reforma dos centros de saúde de Arnoia e Ribadavia, co obxectivo de licitar canto antes as obras.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button