CulturaCulturaÚltima hora

O OUFF abre o prazo de inscrición do concurso de filmes da súa 22 edición

Os filmes presentados na categoría “Ópera Prima” non poderán ter sido comercializados en España.
As inscricións estarán abertas até o 4 de agosto e os aspirantes poderán inscribirse na categoría de “Ópera Prima” e de “Cinema Iberoamericano”

O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) abre, dende hoxe e ata o próximo 4 de agosto, o prazo de inscrición de longametraxes a concurso para a súa vixésimo segunda edición, que terá lugar entre os días 20 e 27 de outubro de 2017.

Dende a organización do festival apuntan que se seguen a manter as dúas competencias dentro da sección oficial: unha delas dedicada, de modo exclusivo, ás “Óperas Primas”; e unha segunda centrada no cinema iberoamericano. Nesta segunda categoría tamén poderán concorrer aquelas producións ou coproducións nas que participe algún país iberoamericano canda a España e Portugal, co principal obxectivo de “recoller e destacar o amplo e novo espectro de propostas que se realizan neses territorios”, sinala a organización.

Por outra banda, na categoría de “Óperas Primas”, admitiranse as primeiras longametraxes sen límite de área xeográfica, coa finalidade de “reivindicar aos novos valores do cinema actual poñendo especial énfase en cineastas novos que traballan dende a independencia”.

Entre as bases, destaca que as obras que concorran deben ter sido producidas entre os anos 2016 e 2017; deben de ter unha duración mínima de 60 minutos e non ter sido exhibidas publicamente, emitidas nin editadas comercialmente en España antes das datas do Festival. A inscrición é de balde e poderá facerse a través da web oficial do festival www.ouff.org.

Artigos relacionados

Back to top button