OurenseÚltima hora

O OUFF acollerá un ano máis o concurso “Fas Muvis” entre o 25 e o 27 de setembro

Seis grupos competidores terán que realizar unha peza audiovisual en non máis de 48 horas

Un dos grupos competidores da pasada edición. / Foto: cedida.

 

A cidade de Ourense acollerá, entre os días 25 e 27 se setembro, a terceira edición de “Fas Muvis. Límite 48h”, un concurso “express” que busca dinamizar a creación de contido audiovisual entre a mocidade. Na competición, que se enmarca dentro do Festival de Cine de Ourense (OUFF), poderán participar únicamente seis grupos de cinco membros como máximo que non poden superar os 30 anos de idade.

Os equipos deberán realizar unha peza audiovisual en non máis de 48 horas, ás que se engaden outras 96 para facer a montaxe. A obra deberá presentarse rematada antes das 20:30 do xoves, 1 de outubro, coincidindo co inicio do OUFF. Todos os grupos contarán, ademais, cun presuposto de 500€ para suplir os gastos da peza que realicen. O concurso outorgará un primeiro premio de 600€ e un segundo galardón de 200€. As obras gañadoras serán proxectadas na gala de peche do festival, o sábado 3 de outubro.

 

Un dos grupos durante a rodaxe. / Foto: cedida.

 

As obras terán unha duración de entre 3 e 10 minutos e poderán ser ficcionais, documentais, promocionais ou reportaxes. Todas as propostas deberán estar relacionadas dalgún modo coa cidade de Ourense e as imaxes gravaranse íntegramente na cidade ou na súa contorna, cun 40% rodado en espazos exteriores. Na peza destacaranse os valores arquitectónicos, históricos, sociais, artísticos, etnográficos e naturais da zona e o xurado tamén valorará positivamente valores como a igualdade ou a integración así como a orixinalidade do proxecto.

Todos os interesados en participar poden enviar a súa proposta ata o día 16 de setembro, ás 14 horas, ao correo electrónico fasmuvis@gmail.com e a lista de seleccionados farase pública ao día seguinte. A solicitude enviada debe levar adxunta un dossier de non máis de 3 páxinas cunha breve explicación do proxecto, os datos personais e o curriculum vitae dos membros.

Na web do festival pódense consultar as bases completas: http://www.ouff.org/gl/bases-fas-muvis-2020/

Artigos relacionados

Back to top button