OurenseÚltima hora

O OUFF fai balance da súa 25ª edición e anuncia as datas da vindeira

"Estamos particularmente agradecidos á resposta da sociedade ourensá", destacaba o director artístico do festival, Miguel Anxo Fernández

 

Apenas rematada a 25ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) a súa organización facía balance neste luns 5 de outubro. Para iso comparecían ante os medios de comunicación durante esta mañá o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto co coordinador artístico do festival, Miguel Anxo Fernández; e o coordinador técnico, Aurelio Gómez Villar, que ademais anunciaban as datas da 26 edición, do 24 de setembro ao 2 de outubro.

O presidente do goberno provincial agradeceu o traballo dos coordinadores e do seu equipo de traballo, integrado por máis de 30 persoas, “por cumprir exitosamente e ao 99,99% o programa previsto, executando tódalas propostas incluídas nesta ambiciosa programación, agás a suspensión dos concertos de Luar na Lubre e da Agrupación Musical da Limia por relación directa coa pandemia”.

Así mesmo apuntaba que esta edición o festival contaba con “91 proxeccións, incluídas as curtametraxes, sendo un Festival de Cine máis ourensán ca nunca, coa implicación de empresas de tódolos sectores, e o máis salientable: a implicación do público”. A proba disto é a alta participación na asistencia a salas de proxección, esgotando as entradas na maioria das sesións, pero tamén o corroboran as votacions “9 de cada 10 asistentes votou as películas. E o porcentaxe mais alta dos último anos”.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández agradecía resaltaba que “estamos particularmente agradecidos á resposta da sociedade ourensá. Nestes tempo difíciles é moi gratificante ver como a xente está sensibilizada coa cultura e cumpre cos protocolos”. Tamén fixo fincapé nas sesións matinais, das que “sacamos unha moi boa experiencia e estou convencido de que viñeron para quedarse”.

 

 

Tamén destacou “a consolidación do festival como ámbito de referencia para o audiovisual galego” ademais da promoción das películas rodadas en Ourense, como sucedeu este ano coa estrea de “Olvido y León” na gala de inauguración e co avance de “Luarada” e “Non me espera ninguén” na clausura.”Esperamos que para o ano que vén podamos ter tamén algunha película que siga con esta liña e que deber ser xa xa un trazo diferencial do festival” afirmou.

Para a 26 edición anunciou que “pouco podemos adiantar das liñas da próxima edición ante a situación actual pero estamos seguros de que será o inicio do camiño cara outras 25 edicións máis. O que si podemos avanzar é que, ademais do convenio co Festival de Angoulême, manteremos as mesmas liñas de programación e potenciaremos curtas e Fas Muvis”.

Destacou ademais o importante papel da comunicación neste 25 aniversario, xa que “máis de 45 medios se interesaron polo festival, ademais dos medios locais e autonómicos habituais, incrementouse importantemente o número de blogs e webs de cine que seguiron a diario o que pasaba no OUFF”.

Aurelio Gómez Villar, dende o seu labor de coordinador técnico do OUFF, resaltaba “a satisfacción que supuxo, nun ano especialmente difícil, ver como se movía a xente nas salas e o respecto ás normas. Tamén o tema das votacións, xa que cada ano se valora máis e temos aí un reto complicado”. E amosaba o seu agradecemento pola axuda de todos os patrocinadores.

Artigos relacionados

Back to top button