CulturaCulturaÚltima hora

O OUFF homenaxeará a Eloy Alonso, fundador do festival

Proxectará a longametraxe "As belas dormentes" e publicará unha monografía coa súa traxectoria

A edición número 25 do Ourense Film Festival (OUFF) rendirá homenaxe ao seu fundador e director do primeiro certame, Eloy Lozano, coa proxección da longametraxe “As belas dormentes” e a publicación dunha monografía que lembra a súa traxectoria.

O ourensán Eloy Lozano (1953-2009) foi un profesional multidisciplinar que destacou como realizador, guionista, produtor, editor e fotógrafo. Traballou sobre todo no mundo da publicidade, aínda que deixou unha pegada imborrable no cine. Ademais de dirixir a primeira edición do certame ourensán, daquela Festival de Cine Independente de Ourense (1996), realizou a primeira curtametraxe en 35 milímetros rodada en galego, “Retorno a Tagen Ata”. Foi, en palabras do crítico de cine Eduardo Galán, autor do libro sobre Lozano, “o noso pioneiro”.

 

Cartel da longametraxe que se vai proxectar.

 

Dirixiu, porén, unha única longametraxe de ficción. “As Belas Dormentes” (2001) é un filme rodado en Galicia, en inglés, e que adapta unha obra do Premio Nobel Yasunari Kawabata. Conta cun reparto internacional liderado por Clive Arrindell, o coñecido rostro dos anuncios do Sorteo de Nadal da Lotaría Nacional. A película foi exhibida no seu momento en varios festivais internacionais, e agora chega a Ourense para conmemorar o 25 aniversario do certame de cine.

A homenaxe a Eloy Lozano completarase coa publicación da monografía que preparaou o escritor e crítico de cine Eduardo Galán co obxectivo de “reivindicar unha figura que non é suficientemente coñecida pero que é de importancia vital para o audiovisual galego”. O libro, titulado “Eloy Lozano, o cineasta que devorou a luz”, recorda a obra de Lozano a través das conversas que o seu autor mantivo cos seus familiares, amigos e colaboradores.

A publicación formará parte do catálogo de obras propias que o OUFF recuperou hai tres anos, e que nesta nova etapa repasou tamén a traxectoria do cineasta Xavier Bermúdez e a produtora Vaca Films.

Artigos relacionados

Back to top button