En portadaÚltima hora

O OUFF pecha a súa 25 edición con premios e reivindicando a Ourense como plató de cine

Ademais destacábase o apoio do público nunha gala de clausura presentada por Lucía Álvarez e Sergio Pazos

 

“Subministramos doses da vacina do ánimo e creo que acertamos coa terapia. Foron dez días co de mañá, no que se proxectarán no Teatro Principal os filmes ganadores, nos que, malia á restrición nas salas, esgotamos entradas na sección oficial, ao cabo un dos sinais de identidade do OUFF”. O director artístico do 25 Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF), Miguel Anxo Fernández, amosaba con estas palabras a súa satisfacción por esta edición que chegaba a súa fin na noite do 3 de outubro.

O Auditorio de Ourense acollía a gala de clausura da mostra, na que se entregaban os galardóns ás curtas e filmes galardoados e na que se poñía en valor a Ourense como plató de cine, á cultura e ao público. “Ben o sentimos polos centos de espectadores que houberon de quedarse nas colas sen poder entrar, pero ao tempo esas ringleiras foron no simbólico a proba máis evidente de que o público de Ourense quere e apoia ao seu festival”, resaltaba Miguel Anxo Fernández.

E, ademais adiantaba, que dende o vindeiro luns “comezaremos a preparar a seguinte edición, convencidos de que o de Ourense é un festival consolidado no que a maiores o audiovisual galego terá sempre a súa casa de acollida e unha leal porta de promoción aos seus produtos. Hoxe o noso audiovisual pasa por Ourense”.

Esta gala de clausura estaba presentada pola actriz Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), que hai unha semana presentaba neste mesmo festival a súa primeira curta “Amanezca”, a primeira en España realizada por equipo integramente feminino. Xunto a ela estaba tamén o actor ourensán Sergio Pazos.

A cerimonia comezaba coa música de Alfonso Medela Cuarteto, cuxas actuacións se ían intercalando coas intervencións, como a do produtor valdeorrés Alfonso Blanco para amosar as primeiras imaxes do seu novo filme “Cuñados”; e coas entregas de premios. O primeiro deles resultaba especialmente sentido e emotivo. Era o Premio AISGE a toda unha vida, co que se distinguía á actriz e directora teatral Rosa Álvarez. O galardón foi recollido polos seus netos Teo e Alba e pola súa nora Mar, quen lle poñía voz ao agradecemento da premiada, que lle adicaba o galardón ao seu marido, Ernesto Chao, e ao seu fillo Mauro, ambos falecidos.

Premios OUFF en curto

A partir aí comezaba a entrega de premios. Os primeiros eran os de mellores interpretacións do OUFF en Curto. Lidia Veiga de “Onde dormen as gaivotas” subiu ao escenario a recoller o seu galardón da man de Isabel Blanco mentres que Denís Goméz de “Mentres iso pasa” enviou un vídeo dando as grazas ao festival.

A continuación, entregáronse os premios de “La penumbra” e o director Daniel Viqueira subiu en dúas ocasións ao escenario. A primeira delas a recibir o premio do público de Miguel Grandío, coordinador da sección, e a segundo, a polo segundo premio que lle entregaron os membros do grupo musical Cómplices, Teo Cardalda e María Monsonís. O palmarés do OUFF en curto pechouse coa entrega do primeiro premio a “To the Sea” por parte do presidente do xurado, Simone Saibene, a Guillermo Vázquez, membro do equipo da curta.

E xusto antes de dar paso aos galardóns dos filmes da sección oficial, Sergio Pazos e Lucía Álvarez desvelaban que as seis pezas do certame Fas Muvis, rodadas en 48 horas en Ourense, contarán coa súa propia gala onde se proxectarán e se coñecerá aos gañadores.

 

Os premiados nesta edición do OUFF ao finalizar a gala./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

“Cartas Mojadas”, a gran triunfadora da noite con tres premios

Coincidindo coas súas vodas de prata, a organización do festival concedía un Premio Especial 25 OUFF que lle correspondeu ao filme que se estreou no festival “Spitsbergen, o gardián do Ártico” de Ignacio Benedeti “polos seus especiais valores a prol da conservación do planeta e a loita contra o cambio climático”. O director recibiu o premio de Miguel Anxo Fernández, coordinador artístico do festival.

A Calpurnia á Mellor película para “Deux”, estreada en España neste OUFF, foi agradecida en vídeo enviado polo director Filippo Meneghetti. Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, entregou o galarón a Ricardo Giménez Castañar, fundador de Karma Films, distribuídora de “Deux” en España. O outro premio do filme recaía en Barbara Sukowa, ao ser recoñecida coa Mellor Interpretación e que tamén remitía un vídeo.

No caso da gran gañadora da noite, “Cartas Mojadas” acudiu a montadora do filme María Macías a recoller os tres premios. O Premio CIMA foi entregada por Inés París, presidenta do xurado da Sección Oficial e membro fundadora de CIMA, o do Público por Marcos Vila, xerente do centro comercial Ponte Vella. A directora Paula Palacios enviou tamén un emotivo vídeo de agradecemento no que falou de que “agora que estamos a punto de estrear en cines, ver que a película gusta ao xurado pero sobre todo ao público de Ourense, emocioname moito a min e a todo o equipo”.

O Premio ao Mellor Guión de William Nicholson por “Regreso a Hope Gap” foi entregado polo escritor e tamén guionista Alfredo Conde e recollido simbólicamente por Morris. O mesmo sucedeu co Premio Carlos Velo á Mellor Director para Jan Komasa de “Corpus Christi”, entregado pola presidenta da Fundación Carmen Leyte e recibido polo director de “Luarada” Óscar Doviso. No caso do Premio Especial do Xurado para “El agente topo”, Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, fixo o acto de entrega e o pintor Baldomero Moreiras, o de recepción. Ademais subíase ao escenario o conselleiro de Cultura, Román Rodríguea para entregarlle o Premio Xacobeo á directora coruñesa Paula Cons pola súa película “A illa das mentiras”.

 

Entrega do premio a Aurelio Villar.

 

 

E xa na recta final da gala chegaba unha sorpresa: un recoñecemento especial a unha persoa implicada no OUFF dende os seus inicios (1996) ata agora (2020): Aurelio Villar. “Non coñecía esta parte da gala”, confesaba soprendido, e agradecía “a confianza e o apoio”. Así mesmo adiantaba que “seguiremos no 2021 e espero que uns cantos anos máis”.

Estreas con selo ourensán

Finalmente, dábase paso ás estreas desta gala de clausura. Así, proxectábase a curtametarxe “Non me espera ninguén” de Amanda Ortega, que protagonizan Isabel Blanco, Antonio Durán Morris e Estíbaliz Veiga, que foron os encargados de falar sobre o filme no escenario do Auditorio xunto co produtor e guionista Ángel de la Cruz. O filme ten como escenarios principais terras ourensás, xa que foi rodada nos Peares ou no Centro Cultural Marcos Valcárcel da cidade. Precisamente era Morris, orixes familiares nos Peares, quen lle daba saída ao filme facendo soar simbolicamente o chifro como xefe da estación, papel que interpreta na curta.

O outro punto audiovisual forte da noite era a estrea dun adianto da película Luarada” do director ourensán Óscar Doviso. Presentábao no OUFF xunto cos actores Marcos Vázquez e Helen Bertels. O filme, que se atopa actualmente en proceso de produción, céntrase na historia de Manuel Blanco Romasanta. O adianto que se proxectou na gala, cunha duración duns 37 minutos, foi tamén filmado en Ourense, amosando de novo o valor da provincia como plató de cine. “Este é un pequeno anaco dun proxecto moi ambicioso, que é o de levar á gran pantalla a historia de Rosamanta, o lobishome”.

A gala concluía cos presentadores Lucía Álvarez e Sergios Pazos desexando unha longa vida ao cine e ao festival e reivindicando o valor da cultura. “A cultura é segura, vaiamos aos cines, ao teatro, ás salas”, subliñaba Lucía Álvarez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://www.osil.info/alfonso-blanco-esperamos-que-cunados-sexa-unha-gran-comedia-galega/
https://www.osil.info/a-clausura-do-25-ouff-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button