OurenseÚltima hora

O “Ourenrock” trae o único concerto de La Raíz en Galicia

O festival de rock concentrará a miles de persoas na fin de semana do 2 e 3 de xuño na finca da Bemposta e ofertará música, gastronomía e artesanía
Belén Iglesias, Jesús Vázquez, Rubén Álvarez e Antonio Carballo. // Foto: Carlos Asensio.

Ourense prepárase para recibir esta fin de semana, 2 e 3 de xuño, a miles de amantes do rock. A segunda edición do “Ourenrock” encherá a Bemposta de música, gastronomía e artesanía. Este ano “presentamos un cartel moi ambicioso” asegurou un dos organizadores do evento, Rubén Álvarez, na presentación de hoxe, 29 de maio, que tivo lugar no emblemático Claustro de San Francisco. Así ese cartel contén como cabeza, para o sábado 3 de xuño á banda La Raíz, “que este será o único concerto que dea en Galicia dentro da súa xira 2017”, informou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez. Na presentación de hoxe tamén estivo a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; e o representante de Hijos de Ribera (Estrella Galicia), Antonio Carballo.

Boikot, Zoo, Insolenzia Dakidarria, The Skarnivals, Skandalo GZ son algúns dos nomes que aparecen no cartel desta segunda edición. Bandas nacionais que se misturan con bandas galegas “e, como non, seguiremos apostando polo talento das bandas ourensás, mediante o Concurso de Bandas emerxentes en colaboración cos alumnos de Produción Audiovisual, radio, espectáculos do CIFP A Farixa”, comentou o alcalde. En total, 17 concertos de 17 grupos diferentes.

Pero a música non será o único que copará o Ourenrock, xa que tamén estará a I Feira do Viño Reboreda-Morgadío do Ribeiro, que contará, ademais de con viño, con pulpeira e un artesán de arxila e barro, “que porá a disposición dos asistentes tornos para que intenten elaborar as súas pezas de artesanía”, dixo Rubén Álvarez. A todo isto sumaranse outros postos de comida. Todo acompañado de actuacións gratuítas.

No eido do transporte e o aloxamento, asemade do transporte público que se achega á zona da Bemposta, haberá lanzadeiras “que veñen dende Vigo e Santiago”, apuntan dende a organización, que xa anunciaron que levan máis de 1.000 entradas vendidas e “esperamos superar as 2.000 persoas do ano pasado”. En total hai un aforo para 5.000 persoas na finca, que tamén conta con zona de acampada.

O custo das entradas xa é de 20 euros os dous días en venda anticipada (comezou sendo de 14 euros). O prezo do abono no despacho de billetes é de 30 euros e o abono por día é de 20 euros.

Dende as 18:00 horas do venres 2 de xuño, a Bemposta será o epicentro do rock de Galicia, xa que “o 60% da xente vén de fóra de Ourense, sobre todo de Santiago e da zona do Morrazo”, cifrou Rubén Álvarez. Está previsto que o propio venres haxa un pasarrúas pola zona dos viños de Ourense.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button