OurenseÚltima hora

O ourensán Arturo López-Quintela, na Real Academia Galega de Ciencias

O acto de ingreso deste experto en nanotecnoloxía tiña lugar na tarde do 15 de febreiro en Santiago
Acto de ingreso do ourensán Arturo López-Quintela ingresa na Real Academia Galega de Ciencias.

“Clústeres cuánticos de átomos: o último reducto da química por descubrir nos límites da nanotecnoloxía” era o título do discurso de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) que pronunciaba na tarde do 15 de febreiro en Santiago o ourensán Arturo López-Quintela, catedrático no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Tras esta intervención, que tiña como escenario o Pazo de San Roque (Santiago), López-Quintela (Os Peares) recibía a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma por parte do reitor da USC, Juan Viaño. Este investigador é experto en nanotecnoloxía, que se integra na Sección de Química e Xeoloxía. Con el iniciase a rolda de entrada de catro novos académicos este ano nesta institución.

López-Quintela licenciouse e doutorouse en Ciencias Químicas na USC, onde exerceu como profesor titular ata acadar a súa praza de catedrático en 1990. Ao principio da súa traxectoria investigadora realizou estadías na Universidade de Bielefeld e no Instituto Max Planck, en Alemaña. A esta última institución voltou posteriormente tras conseguir a prestixiosa bolsa Alexander von Humboldt. Exerceu como profesor visitante en diversas universidades estadounidenses, italianas e xaponesas.

Ao longo dos últimos anos compaxinou o seu labor docente e investigador co emprendemento innovador. Ten publicado ao longo da súa carreira 279 artigos en revistas científicas e acredita o mérito de que lle foran concedidas todas as patentes que solicitou ata o momento, un total de 21, das que ten licenciadas 13 para a súa explotación comercial.

Artigos relacionados

Back to top button