CulturaCulturaÚltima hora

O ourensán Eugenio Feijóo presenta o seu novo libro na Casa da Galicia en Madrid

Esta obra, editada por Bubok, reúne 22 “pequenas historias” que xiran en torno ás temáticas do amor, a empresa e a sociedade
Un dos momentos da presentación./ Foto: Casa de Galicia en Madrid.
Un dos momentos da presentación./ Foto: Casa de Galicia en Madrid.

“Relatos de halcones y palomas. Historias de la vida misma” é o título do novo libro do escritor e xornalista de orixe ourensá Eugenio Feijóo. Esta obra, editada por Bubok, presentábase na tarde do 2 de decembro na Delegación da Xunta de Galicia en Madrid/Casa de Galicia. Ademais do autor, neste acto interviñan o profesor Bernardino M. Hernando, o director da editorial, Sergio Mejías, e o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, que o fixo en representación do delegado da Xunta de Galicia en Madrid/director da Casa de Galicia, José Ramón Ónega López.

Jiménez presentaba a Eugenio Feijóo como “un madrileño que pasou a maior parte da súa nenez na aldea ourensá de Abeleda, a beiras do Sil, na fronteira con Lugo”. Ademais recordaba que o seu anterior libro tamén foi presentado na Casa e encomiaba a súa mestría como narrador. “As súas historias están magníficamente escritas, cun humor soterrado e contido que proporciona o ton xusto para lelas á distancia de seguridade exacta que se require para gozar comodamente das súas escenas”.

Público seguindo o acto./ Foto: Casa de Galicia en Madrid.
Público seguindo o acto./ Foto: Casa de Galicia en Madrid.

Neste volume Eugenio Feijóo reúne 22 “pequenas historias” nas que se narran “diferentes tipos de comportamento baixo os conceptos articuladores e xenéricos de falcóns e de pombas”, no que os primeiros adoptan a lei do máis forte e os segundos un posicionamento pacifista. Deste total de relatos, seis refírense a Galicia ou a personaxes galegos, unha constante na escrita deste autor.

Estas historias (boa parte delas baseadas en situacións, persoas ou feitos vividos polo escritor) están agrupadas en torno a tres temáticas: amor, empresa e sociedade. “Se existe un río revolto propicio para a concentración de falcóns ese é o mundo económico, e especificamente o da empresa, pois nesa selva atopan o seu mellor caldo de cultivo”, explicaba o propio autor.

Artigos relacionados

Back to top button