CulturaCulturaÚltima hora

O ourensán Rubén Riós imparte os obradoiros de radio “O galego na onda”

Entre os concellos galegos nos que se impartirán estará o do Carballiño
O director xeral de Política Lingüística, con Rubén Riós, na presentación.
O director xeral de Política Lingüística, con Rubén Riós, na presentación.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaba na mañá do 20 de outubro a segunda parte da actividade da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) “O galego na onda”, centrada na comunicación radiofónica. Se esta primavera os rapaces de seis entidades da RDL elaboraron cuñas publicitarias a prol do galego para participaren no concurso do mesmo nome, no outono os gañadores reciben o seu premio en forma de obradoiros de radio impartidos polo profesional da comunicación Rubén Riós. Ademais, entran nunha segunda fase do concurso cuxos gañadores terán ocasión de compartir micrófonos co coñecido xornalista da Radio Galega, Kiko Novoa.

O actor e comunicador Rubén Riós, responsable da empresa Claqueta Coqueta, desenvolverá os obradoiros, nos que lles revelará aos rapaces os secretos da comunicación radiofónica e axudándolles a crear o seu propio programa de radio, que se poderá escoitar na emisora municipal de cada concello participante.

Estes obradoiros de radio coemzarán o día 22 de outubro en Santa Comba, chegarán este outono a esta e mais a outras cinco entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística: aos concellos da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, ao Carballiño, a Burela, a Cambados e a Melide. Están dirixidos a mozos e mozas destas entidades que teñan entre 12 e 16 anos e que participasen e gañasen a fase local do concurso de cuñas radiofónicas para promover o galego que se celebrou esta primavera, no mes das Letras Galegas.

Os asistentes aprenderán sobre comunicación radiofónica en galego, elaborarán un programa de radio e terán ocasión de mellorar a cuña con que gañaron a fase local do concurso “O galego na onda” para participaren na autonómica, cuxos vencedores intervirán co coñecido xornalista Kiko Novoa nun programa da Radio Galega, segundo se informa dende a Consellería de Cultura.

Artigos relacionados

Back to top button