Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O Outono Fotográfico dá a coñecer a programación da súa 34ª edición

O festival galego de fotografía con orixe en Ourense mostrará 92 exposicións de máis de 300 autores a partires do vindeiro 26 de outubro

Tan emblemático como a caída das follas ou o arrecendo a castañas asadas. O Outono Fotográfico xa está aquí un ano máis. O festival galego de fotografía con orixe en Ourense vén de presentar a súa 34 edición, que mostrará 92 exposicións de 304 autores a partires do vindeiro 26 de outubro. A programación estenderase a toda Galicia, copando uns 70 espazos expositivos en 21 cidades e incluso sairá até a veciña Portugal. O lema será “Dentro fóra”, para plasmar ese “proceso de fragmentación” que fai todo fotógrafo cando se dispón a capturar unha imaxe extraéndoa dun contexto global, segundo indicaron.

No acto de presentación estiveron o director e o curador do festival, o ourensán Xosé Lois Vázquez e o valdeorrés Vítor Nieves, respectivamente, que foron os que deron os datos máis técnicos da exposición. Pero tamén acudiron outras autoridades en representación das institucións colaboradoras co Outono Fotográfico, como o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e as edís de Cultura e Xuventude, Belén Iglesias e Sofía Godoy, respectivamente, Manuel Doval, en representación da Deputación, e o vicerreitor do Campus da Auga de Ourense, Virxilio Rodríguez.

As imaxes recollen o acto de presentación que tiña lugar na mañá do 21 de outubro no Liceo ourensán, coa participación dos principais protagonistas, Vázquez e Nieves (no centro da mesa), na compaña das autoridades colaboradoras co evento.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O SIL.

Texto e fotos: Sara Fontenla.

Artigos relacionados

Back to top button