ConcellosÚltima hora

O Pablo VI da Rúa entre os 47 centros que participarán na Semana Escolar da Provincia

A iniciativa, que contará coa asistencia de máis de 8.000 alumnos, comezará o 21 de novembro coa celebración dun Pleno infantil
Alumnos do Pablo VI nun Pleno infantil celebrado no Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.
Alumnos do Pablo VI nun Pleno infantil celebrado no Concello da Rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

Un total de 8.417 alumnos (coordinados por máis de 500 docentes) de 47 centros escolares, participarán na cuarta edición da Semana Escolar da Provincia que promove a Deputación de Ourense, unha iniciativa coa que se pretende “achegar un mellor coñecemento da provincia á comunidade educativa”.

Na presentación do programa, o presidente da Deputación Manuel Baltar, dixo que esta iniciativa “achega a institución e o patrimonio natural da nosa provincia aos ourensáns máis novos, que durante esta semana escolar poderán coñecer a realidade natural de Ourense”. Asemade, Baltar sinalou que o goberno provincial materializa con esta celebración “a obriga que de que esta institución sexa cada vez máis dos ourensáns e de que os máis cativos saiban que Ourense é unha provincia ambiciosa que ten moitas cousas das que presumir”.

Con esta finalidade, o goberno provinvial editou o libro-manual titulado “Viaxe ao patrimonio natural da Ourensanía”, un caderno de viaxe no que o personaxe condutor de todos os manuais creados para esta actividade nos últimos catro cursos, Auria, vai percorrendo a provincia e coñecendo os espazos naturais da mesma prestando especial atención aos espazos protexidos, ás augas e á biodiversidade da nosa provincia, así como no valor patrimonial dos mesmos e a importancia cultural que supoñen.

 

María Lado, Manuel Baltar e Llerena Perozo, na presentación da Semana Escolar da Provincia.
María Lado, Manuel Baltar e Llerena Perozo, na presentación da Semana Escolar da Provincia.

A temática sobre a que xira esta edición do programa é o medio ambiente e o patrimonio natural da provincia, e as actividades comezarán o vindeiro 21 de novembro coa celebración dun Pleno infantil, no que alumnos do colexio Pablo VI da Rúa debaterán sobre unha temática da Semana Escolar. A clausura das actividades será o 25 de novembro, ás 12 horas, cando os centros participantes realizarán unha serie de actos relacionados cos traballos que desenvolveron ao longo da semana. Ese mesmo día ás 20 horas, terá lugar no Pazo Provincial a inauguración da exposición pictórica “Voces da Ourensanía” do pintor Suso Cubeiro, e ao dia seguinte, a partires das 11 horas, arrancará o tradicional Día de Portas Abertas da Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button