Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O Padroado da Fundación Curros Enríquez premia ao Parlamento de Galicia

O premio “Celanova, Casa dos poetas” era recollido polo presidente da Cámara, Miguel Santalices

Como “un estímulo para seguir traballando e que nos obriga a intensificar o noso esforzo” considera o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, o XXXIV premio “Celanova, Casa dos poetas”, que o  Padroado da Fundación Curros Enríquez concedía ao Parlamento de Galicia e que recollía, en representación dos 75 parlamentarios, nun acto celebrado o 2 de setembro.

No acto, Santalices fixo referencia á súa aposta por “manter e reforzar o traballo da Cámara no ámbito da cultura galega, mesmo cunha programación cultural propia”, e tamén a “abrir o Parlamento”, de maneira que a xente poda coñecer a sede da institución e tamén que a institución “estea presente e se faga visible entre a xente”. Lembrou, ademais, a existencia de “fórmulas novidosas” para facilitar a participación da cidadanía na vida parlamentaria, sexa impulsando proposicións de lei e non de lei, formulando comentarios ou suxestións aos proxectos lexislativos en tramitación ou propoñendo preguntas ao Goberno, sempre nun contexto de transparencia. “Galicia foi pioneira e marcou o camiño a seguir por outros parlamentos”, afirmou o presidente do Parlamento de Galicia.

O Premio “Celanova, casa dos poetas” recoñece tamén o impulso do Parlamento de Galicia ás relacións cos lusofonía, “unha tarefa tan lóxica como obrigada”, máxime logo de ter aprobado, por unanimidade, a lei de iniciativa popular Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos cos lusofonía.

Previa á entrega do premio, tivo lugar unha ofrenda floral diante do monumento a Celso Emilio Ferreiro, para posteriormente, na Casa dos Poetas, desenvolver o acto de entrega do premio, que contou coa participación do presidente de fundación e alcalde de Celanova, José Luis Ferro; do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e dos voceiros das formacións políticas do BNG, En Marea, PSdeG-PSOE e do PPdeG. Trala entrega do premio, o presidente do Parlamento de Galicia e os voceiros das formacións políticas asinaron no libro de honra da Fundación. A actuación musical durante a celebración correu a cargo de Amancio Prada e do Grupo de Gaitas de Celanova.

 

Artigos relacionados

Back to top button