PolíticaÚltima hora

O parlamentario de En Marea Davide Rodríguez pide a mellora da N-540 entre Lugo e Ourense

Vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate no pleno do Parlamento galego
Davide Rodríguez, intervindo no Parlamento.

Entre as estradas estatais existentes en Galicia e que presentan un mal estado figura a N-540, que une Lugo con Ourense. “Trátase dun trazado complexo que non ten recibido apenas investimentos públicos nos últimos anos. En numerosos puntos, a estrada presenta un asfaltado totalmente deteriorado, mesmo nos carrís de incorporación e saída, así como falta de sinalización, sendo unha vía moi transitada, tanto por vehículos convencionais como por camións. Existen situacións incomprensibles, como sinalizacións de dobre carril que indican que no carril rápido non se pode circular a menos de 70 km/H e sinalizacións xenéricas que limitan a velocidade máxima en todo o tramo a 80 km/h, ou mesmo a 50”, indica o deputado de En Marea, Davide Rodríguez, que vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei para ser debatida en pleno ante o estado de deterioro no que se atopa este vial.

Na súa iniciativa, o deputado de En Marea tamén apunta que a “situación de inseguridade da vía é tal que moitos usuarios optan por trazados alternativos, máis longos, pero que lles producen maior seguridade, como é utilizar a alternativa de Monforte, polo corredor CG-2.2. O 22 de xuño de 2017, a Comisión de Seguridade Vial do Congreso aprobou unha proposición non de lei de En Marea para que o Ministerio de Fomento efectuase actuacións de reforma e rehabilitación na N-540 este ano nos tramos situados entre Guntín e Ventas de Narón, e no tramo que vai entre Chantada e Taboada, que a día de hoxe están sen realizar”.

Neste senso, na súa proposición non de lei En Marea pide ao Parlamento galego que inste á Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Fomento “para esixir unha mellora integral do estado do firme da N-540, así como a remodelación da súa sinalización para mellorar a seguridade viaria no conxunto da vía”, así como que se dirixa ao mesmo ministerio para esixir tamén “a urxente reforma e rehabilitación da N-540 nos tramos entre Guntín e Ventas de Narón e entre Chantada e Taboada, tal e como acordou a Comisión de Seguridade Vial do Congreso dos Deputados” e a “urxente reforma e rehabilitación da N-540 entre A Barrela e Chantada”.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close