PolíticaÚltima hora

O Parlamento aproba a proposta de En Marea sobre o etiquetado do mel

A proposición non de lei insta ao Estado a que introduza os cambios normativos que obriguen a indicar claramente o país de orixe do mel envasado en España
Momento da votación.

O Parlamento de Galicia aprobaba na mañá do 16 de marzo, por unanimidade, a proposición non de lei de En Marea na que se “insta ao Goberno do Estado a que introduza os cambios normativos que obriguen a indicar con claridade o país de orixe do mel envasado en España”. Tal como aseguran dende En Marea, trátase dunha vella demanda da Asociación Galega de Apicultores, que nunha xuntanza cos deputados Paula Quinteiro e Davide Rodríguez lles trasladou a necesidade de corrixir as ambigüidades no etiquetado do mel.

“Hoxe demos un paso moi importante porque é moi relevante que deixen de figurar como mel de UE meles que levan unha cantidade ínfima de mel de aquí”, celebrou Paula Quinteiro, a encargada de defender a proposta na Comisión de Agricultura, agradecendo o traballo dos colectivos á hora de facer achegas ás iniciativas parlamentarias.

O etiquetado de produtos é unha competencia estatal, polo que será a Xunta quen inste ao Goberno central ao modificado para que o consumidor coñeza aqueles meles que conteñen produto procedente de países como a China ou Brasil, “sobre o que non hai un control estrito do proceso de elaboración nin da contorna na que se recolecta”.

O Parlamento tamén aprobou impulsar a promoción do mel producido ao amparo da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button