EconomíaEconomíaÚltima hora

O paro baixou en 512 persoas en cinco anos no Carballiño

Os balnearios son unha das grandes esperanzas para a dinamización económica do Carballiño. 

O Concello do Carballiño vén de publicar os datos do paro da vila. Segundo informan fontes do consistorio, O paro descendeu no último quinquenio en 512 persoas, case un 32%. No ano 2012 o paro rexistrado era de 1.603 persoas, un 27,58%, mentres o último dato do paro rexistrado do pasado mes de marzo foi de 1.091 persoas, un 19,46%.

De todos xeitos, hai que ter en conta que no ano 2012 a poboación era lixeiramente superior: 14.246 fronte a 13.913, a falla do último dato do padrón municipal pode situar de novo arredor da fronteira dos 14.000 habitantes. Ainda así, tanto en termos absolutos como relativos, produciuse un incremento da ocupación e un descenso do paro.

Dende o Concello apuntaron que o obxectivo para estes dous próximos anos “é seguir promovendo a iniciativa privada e a formación como principais instrumentos para crear emprego no Carballiño”. Se ben valoran moi positivamente a marcha xeral da economía local, “como o amosan os datos presentados no primeiro trimestre polo Observatorio Económico Ourensán que elabora o Inorde e a Deputación Provincial, e que sitúan ao Carballiño como a comarca con máis poboación ocupada despois da de Ourense”, ven necesario promover un emprego de máis calidade e con mellores salarios. Por iso, seguirán incidido nas políticas de formación.

Todos estes datos están recollidos nun Informe sobre a situación Económica e Xeral do municipio que elabora a concellería de Promoción Económica conxuntamente coas demáis áreas municipais. Trátase de coñecer polo miúdo a evolución do Carballiño para incidir naqueles segmentos que se consideran máis axeitados en canto á dinamización da economía, especialmente no sector industrial e dos servizos, así como dos servizos públicos.

Segundo o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira, o Plan Integral de Emprego actualmente vixente, así como o Servizo de Orientación Laboral, “están contribuíndo a mellorar a formación e a incrementar as posibilidades de atopar un emprego ás persoas que se atopan no paro. De aí que na última reunión mantida en Santiago co director xeral de Orientación se valorase moi positivamente a marcha do Plan de Emprego e se estimase a oportunidade de solicitar outro novo cando este remate o 31 de agosto. Tamén se solicitará un novo obradoiro de emprego, en canto se publique a nova convocatoria”.

Ainda con todo, a base da dinamización económica e da creación de emprego reside no emprendemento e na iniciativa privada, polo que dende o Concello se seguirán axilizando os trámites administrativos que se requiren para a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Así se fixo co novo Balneario Caldas de Partovia e coa nova Estación Fixa da ITV, que se constrúe no parque empresarial, e se fai actualmente co Gran Balneario, que ten previsto iniciar en breve unha modernización.

Nos balnearios reside, precisamente, unha das grandes esperanzas do Carballiño para seguir impulsando a dinamización comercial e hosteleira durante todo o ano, e contribuir a súa modernización, mellorando a calidade do servizo.

Artigos relacionados

Back to top button