OurenseÚltima hora

O parque da Ponte recibirá unha inversión da Xunta de 200.000 euros para renovacións

A Conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, confirmou esta inversión hoxe durante a inauguración do parque de Covadonga
Beatriz Mato inaugurou as instalacións de Covadonga.

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de recuperación da Praza de Covadonga, que supuxeron a transformación do espazo. A encargada de inaugurar este espazo hoxe, 13 de xuño, foi a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante o acto de inauguración estivo acompañada do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; a Conselleira asegurou que “isto xa non é unha obra, senón unha realidade urbanística que mellorará a calidade de vida dos veciños da cidade”, xa que pasará a dispoñer de zonas de xogo para os cativos e elementos biosaudables para os maiores, ademais de nova pavimentación, iluminación, servizos e mobiliario urbano.

Ao mesmo tempo, a Conselleira aproveitou para anunciar que dende o seu departamento destinarán un total de 200.000 euros para a renovación, con actuacións similares, do parque da Ponte. “Esta foi outra das peticións que me fixo intensamente o alcalde de Ourense e vai ser respostada por parte da Xunta de Galicia”.

Pola súa banda, o rexedor municipal, Jesús Vázquez, agradeceu a reposta por parte da Xunta, e salientou que esta inversión é moi importante porque vai activar unha zona que é o parque da Ponte “ese pequeno corazón que ten ese barrio e que precisa dun cambio bastante importante”. En breves días farán chegar o proxecto á Consellería para que procedan á contratación. As principais actuacións, salientou Vázquez, son cambios estruturais xa que “leva moitos anos sen unha reforma importante e adolece de filtracións e problemas de humidade”.

En canto ao parque de Covadonga, trátase dunha actuación, en definitiva, enmarcada no Plan Urbe, que contou cun investimento de máis de 177.000 euros e co que se cumpre, dixo a conselleira, “co obxectivo de facer desta praza e a súa contorna un lugar máis accesible e saudable”.

Trátase, polo tanto, dun espazo de 3.400 metros cadrados de superficie que presentaba os problemas habituais xerados polo seu uso combinado co paso do tempo e que agora están totalmente renovados. A estes problemas déuselles solución mediante unha recuperación do firme do perímetro, visiblemente deteriorado a causa das raíces dos plátanos; a a separación por idades da zona infantil de xogos e a dotación de elementos específicos para os cativos de entre 3 e 6 anos, entre os que destacan unha randeeira, un asento bebé, subibaixa e areeiro; e un completo multixogo para os máis grandiños. Ademais, os maiores tamén poderán mellorar a súa mobilidade e equilibrio grazas á instalación de elementos biosaudables de fitness.

En canto aos servizos, cómpre destacar o incremento da eficiencia enerxética a través da optimización no reparto de luminarias e a dotación de novo mobiliario urbano, como son papeleiras, fonte-bebedoiro, un aparcabicicletas, conxuntos de mesas e bancos de pedra e madeira. Por último, canalizouse a rede eléctrica e telefónica.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button