ConcellosÚltima hora

Música, viño, gastronomía e actividades náuticas, esta fin de semana no Ribeiro Blues

O Parque Náutico de Castrelo de Miño será o escenario do enofestival, que comezará o venres ás 21 horas
Cartel do enofestival.
Cartel do enofestival.

Castrelo de Miño programa para esta fin de semana unha nova edición do seu Ribeiro Blues Wine Festival, que fará do Parque Náutico o escenario ideal para gozar duna boa copa de viño acompañado da mellor música ao vivo. A inauguración será o venres ás 21 horas e está previsto que asista o alcalde da localidade, Xurxo Rodríguez, e o presidente do Consello Regulador da DO Ribeiro, Felicísimo Pereira, entre outros. 24 serán as adegas que participen nesta iniciativa.

Na mesma xornada do venres, o blues correrá a cargo de Freedonia, Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers, Johnny Cat & The Poor Dogs e Gold&Colt. O sábado, a festa continuará da man da célebre Vargas Blues Band, así como outros grupos galegos como The Lákazans e Los Hermanos Zapruder. Tamén haberá espazo para o folclore galego da man do grupo O Fiadeiro.

Para completar o festival, haberá unha zona de streetfood, con restaurantes e postos de comida na rúa, así como actividades náuticas como vela ou pedaletas. E mesmo se poderán realizar catas de viño no medio do encoro no catamarán do concello. O enofestival tamén conta con zona de acampada libre.

Tamén haberá transporte en autobús dende a cidade de Ourense. As paradas serán na rúa Ervedelo, no Couto, no barrio da Ponte, en Quintela, Untes, Santa Cruz, Barbantes, Laias e Ribadavia. O retorno será ao remate do festival. Terá un custe de 9 euros (ida e volta) e deberase reservar praza nos teléfonos 988 242 819 (viaxes Piña), 988 225 288 (Anpian) ou 988 493 000 (Concello Castrelo de Miño).

Artigos relacionados

Back to top button