O Concello de Castrelo de Miño iniciou esta semana unha serie de actuacións encamiñadas á mellora da accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas na contorna do Parque Náutico de Castrelo, na piscina municipal e no albergue, cumprindo coa normativa sectorial que obriga a concibir como universal o deseño e os accesos a todos os espazos.
As obras son de rápida execución e prevese que rematen a finais do mes de xaneiro, sen que se cause trastorno algún para os veciños e os usuarios das instalacións do Parque Náutico. O custo total das intervencións de mellora é de 10.533,51 euros, sendo subvencionadas parcialmente pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia a través dun programa do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional de Galicia 2014-2020.
As melloras planificadas desenvolveranse en tres áreas: as do acceso á contorna do Parque Náutico, á piscina municipal e ao albergue e á cafetería. No primeiro caso, levarase a cabo a eliminación de chanzos no acceso aos toldos nos que cada mes celébrase a feira de Castrelo e do acceso ás prazas reservadas a persoas de Mobilidade Reducida (PMR).
Para a mellora dos accesos á piscina municipal instalarán unha plataforma que evite o desnivel nas duchas e outras modificacións para converter e accesible os aseos para PMR (barras na ducha e no inodoro). Finalmente, no ámbito do albergue municipal e da cafetería, acometerase unha reforma íntegra no aseo de PMR, ademais de dotar de espazo suficiente de xiro na porta de acceso xunto cunha rampla para salvar o desnivel existente. Nas habitacións e nos baños do albergue incluiranse tiradores que substituirán aos pomos das portas, ademais de barras e asentos de ducha.
En todos os casos, instalarán a sintética de instalacións accesibles xunto con sistemas de alarma de emerxencia visual e sonora tanto nos dormitorios do albergue como en todos os aseos.