ConcellosGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

O párroco do Barco de Valdeorra bendice aos animais na celebración de San Antón Abade

Numerosas mascotas asistían ao acto celebrado na tarde deste luns 17 de xaneiro na igrexa de Santa Rita

 

Cando tomou posesión como párroco do Barco de Valdeorras, alá polo mes de agosto do ano pasado, o sacerdote Jesús Álvarez Álvarez aseguraba que ía introducir cambios na parroquia, abrindo os templos e os cultos a toda a poboación. E así o está facendo.

Un dos cambios é a retransmisión das eucaristías a través do seu propio Facdebook e outro, a celebración da festa na honra a San Antón Abade no templo de Santa Rita con bendición de animais, misa e recollida de alimentos para as asociacións de mascotas.

Así, na tarde deste luns 17 de xaneiro, numerosas persoas levaban ás súas mascotas, basicamente cans de todas as razas e tamaños, pero tamén outros (unha nena levou ao seu peixe), para que o sacerdote lles dese a bendición na entrada da igrexa, na praza do Príncipe.

 

Un dos animais que foron bendecidos hoxe.

 

Alí, un a un, o párroco foi salpicando aos animais coa auga bendita, asegurando que estaban alí reunidos para que “a figura de San Antón, unha vez máis, nos axude a bendecilos e que sirva de estímulo para coidalos e protexelos xa que, creados por Deus, estes seres habitan na terra, no ceo e no mar compartindo cos homes a vida con todas as súas vicisitudes”.

O acto, no que se recollía numerosa comida que máis tarde será entregada ás protectoras de animais, remataba co agradecemento do sacerdote aos asistentes, asegurando que se trata “dun recoñecemento aos animais polo cariño que nos dan”, e que para o ano que vén “de seguro que se multiplica a asistencia de devotos de San Antón e amigos dos animais”. De seguido, xa no interior da igrexa, celebrábase a eucaristía na honra ao santo.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button