PolíticaÚltima hora

O partido socialista ourensán pide un plan de viabilidade para a Estación de Montaña de Manzaneda

Ademais solicítalle á Xunta e a Deputación que os concellos de Trives e Manzaneda volvan ao consello de administración

 

A Estación de Montaña de Manzaneda, actualmente pechada ao público, era o lugar escollido polo PSdeG-PSOE provincial para unha rolda prensa na que se facían catro peticións moi concretas: a reapertura destas instalacións e a reincorporación dos seus traballadores, un plan de viabilidade e de futuro para este complexo, ademais do regreso ao consello de administración de Meisa dos Concello de Trives e Manzaneda e o acceso ás contas desta estación. Nesta acto participaban o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández; o concelleiro trivés Rubén, así como os deputados provinciais Rafael R. Villariño e Aurentino Alonso.

Así mesmo, interviña Jesús Fernández, do sindicato CSIF e traballador da estación dende hai 44 anos, quen amosaba o descontento e preocupación coa que vive o persoal da estación, e da comarca, ante o momento actual. “Está todo moi estancado, non sabemos qué pode pasar cos postos de traballo, sobre o inicio desta tempada. Os traballos están todos sen facer, remontes sen revisar, a hostalaría pechada, todo pechado. Preocúpanos que non se tome ningunha iniciativa por parte da Xunta e da Deputación de Ourense”.

Seguidamente, o concelleiro trivés requería a “apertura inmediata da estación e o retorno dos traballadores aos seus postos”, así como que se presenten as contas de Meisa “para poder revisar todas e cada unha das partidas orzamentarias que nelas están reflexadas”. E insistía na “necesidade de que tanto os Concellos de Trives como de Manzaneda volvan a estar na parte que lles corresponde no consello de administración”.

Nesas mesmas demandas incidía o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández. “Estas instalacións levan pechadas dende marzo, algo que non se entende porque ao levantarse as restricións e isto podía estar aberto, e a xente vén a pasear por aquí e non se atopa ningún servizo aberto. Dende os concellos podemos protestar o que queiramos, pero quen ten o poder para facer cousas é a Deputación e a Xunta de Galicia, a nós non se nos permite estar en todas as reunións”.

O rexedor de Manzaneda resaltaba ademais o peso económico que a estación ten na comarca trivesa. “Nós dependemos disto, hai moitos negocios que dependen da estación e moita xente emprendedora á que lle gustaría facer aquí as súas casas de turismo rural se isto funcionase minimamente, cousa que non sucede”.

Pola súa banda, o deputado provincial Aurentino Alonso aludía aos elevados investimentos públicos feitos na estación para dotala dun sistema de innivación e á necesidade “dun plan urxente de futuro para estas instalacións, no que se analice exactamente o que poden dar de si, de maneira que poidan estar abertas os 365 días do ano. A estación ten moitas posibilidades. Tanto a Xunta como a Deputación, que son os accionistas principais, deben presentar con urxencia ese plan de viabilidade e permitir a volta dos concellos ao consello de administración”.

FInalmente, o deputado e secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, incidía no potencial de futuro da estación, “dunha estación non só de esquí, senón de montaña e na “falta de previsión” nela. Tamén se preguntaba polas contas do complexo, “nós pedimos unha auditoría, non só das obras, senón da contabilidade da estación. “O 31 de decembro vaise o concesionario actual, fíxose un concurso e quedou deserto, ¿que vai ocurrir? Hai que darlle un futuro a esta estación”, concluía.

Artigos relacionados

Back to top button