Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O partido socialista presenta aos seus candidatos ás municipais en Valdeorras e en Viana

Este acto, que contaba coa asistencia de Gonzalo Caballero, tiña lugar no Paladium ante a presenza de 200 persoas

Os candidatos socialistas ás nove alcaldías de Valdeorras e á de Viana do Bolo nas vindeiras eleccións municipais presentábanse na noite do 22 de marzo nun acto celebrado no Paladium (Vilamartín). Nel os cabezas de lista estaban acompañados polo secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, entre outros cargos do partido como o seu secretario provincial, Rafael R. Villarino.

Ofelia Puente, secretaria de Política Social do PSdeG en Ourense, ía presentando a cada un dos candidatos: José Manuel González en Carballeda de Valdeorras, Raquel Méndez en Rubiá, Alfredo García no Barco, Enrique Álvarez en Vilamartín, Luis Fernández na Rúa, Nacho González en Larouco, Juan Ferreiro no Bolo, Fernando Fernández na Veiga, Raquel Bautista en Petín e Pablo Luis Salgado en Viana do Bolo.

O primeiro dos candidatos en tomar a palabra era o anfritrión, Enrique Álvarez, alcalde de Vilamartín, quen expresaba o seu agradecemento aos concelleiros “que me acompañaron durante catro anos” e tamén aos que entrarán “novos outra vez a traballar”. Falaba ademais de empresarios socialistas en Valdeorras, cunha mención especial ao seu pai, Bautista Álvarez.

A partir de aí, o resto de candidatos ían intervindo para agradecer tamén o apoio dos seus compañeiros e falar do modelo que defenden para os seus concellos. Destes dez candidatos, catro estréanse como cabeza de listas nunhas locais: Raquel Bautista en Petín, Nacho Álvarez en Larouco, Juan Ferreiro no Bolo e Pablo L. Salgado en Viana.

Raquel Bautista amosábase moi agracecida aos seus compañeiros de Petín por animala a tomar esta decisión, Nacho Álvarez aseguraba que en Larouco “imos loitar para que por vez primeira este concello sexa socialista”, mentres que Juan Ferreiro falaba da súa vitoria no Bolo porque “na nosa candidatura o 70% son mulleres” e facía unha mención especial a Rosa Pérez como impulsora desa situación.

Pola súa banda, Pablo L. Salgado explicaba a motivación que o levaba a dar este primeiro paso na política, encabezando a lista vianesa. “Teño 50 anos, vivín sempre en Viana, a miña muller e os meus fillos viven alí e non quero que os meus netos, se os teño, se vexan obrigados a marchar. Creo que hai futuro para Viana e para todos os pobos e comarcas de arredor”, dicía.

Emotiva lembranza ao exconcelleiro Luis Ramos

Pola súa banda, Alfredo García, alcalde do Barco (que encabeza a lista do PSdeG-PSOE no Barco por sexta vez consecutiva) aseguraba, en referencia aos candidatos, que “somos os mellores que fumos nunca para tratar de alcanzar alcaldías e concelleiros, estamos cargados de ilusión”. E engadía que para ser rexedor dun concello “primeiro hai que ter ilusión e querer ao teu pobo, ter ideas e estar disposto a traballar”. Tiña ademais un recordo moi emotivo e especial para o seu compañeiro no partido e amigo Luis Ramos, exconcelleiro falecido hai unhas semanas, “unha persoa tan xenerosa coma el merece o respecto de todo o mundo”.

Caballero: “Imos abrir unha nova etapa para que en Valdeorras haxa cor vermella en todos os concellos”

Nesta presentación tamén interviñan o alcalde de Petín, Miguel Bautista, o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, a cabeza de lista ao Congreso por Ourense Marina Ortega, e o secretario provincial do socialistas ourensáns, Rafael Rodríguez Villarino, quen dirixíndose aos candidatos destacaba que “sodes a forza do socialismo, Valdeorras ten unha tremenda forza”. E sinalaba que ademais de haber vitorias nas eleccións xerais e nas municipais “tamén imos acabar con 31 anos de Baltarismo na provincia”.

A clausura do acto corría a cargo do secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, quen apuntaba que “estamos nunha precampaña que vale por dúas: a das xerais e a das eleccións municipais. Estamos nun momento de alta intensidade política, de moita actividade política e no que imos construír o futuro do país onde vivimos”. Incidía na “prioridade social” do partido socialista cun “proxecto de dereitos” e que “pensa na maioría”.

En alusión directa a Ourense indicaba que esta é “unha provincia que cada vez se queda con menos posibilidade de futuro, este é o resultado que lle deron as políticas do PP”. E ante isto dicía que agora “é o momento do voto útil polo cambio e polo progreso”, matizando que “imos abrir novas etapas con novos alcaldes e alcaldesas para que en Valdeorras haxa unha cor vermella en cada un dos concellos da comarca”.

Tras as intervencións, coa asistencia de 200 persoas, soaba a música de Os Parrandas e dábase paso a unha cea nas mesmas instalaciós do Paladium.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis fotos:
https://osil.info/dos-nove-candidatos-socialistas-as-alcaldias-valdeorresas-seis-repiten/

Artigos relacionados

Back to top button