OurenseÚltima hora

O partido socialista sube en Verín e roza a maioría absoluta con 8 edís

O BNG é a segunda forza máis votada neste municipio con cinco concelleiros, mentres que o PP logra catro
Gerardo Seoane, cabeza de lista do PSdeG-PSOE en Verín./ Foto: Carlos G. Hervella.

O resultados do 26M reforzan ao partido socialista en Verín. A candidatura que lidera Gerardo Seoane, o actual alcalde, lograba oito concelleiros, un máis que nesta lexislatura e quedábase ás portas da maioría absoluta. O BNG pola súa banda mantense como a segunda forza máis votada, con cinco edís, un menos que nos comicios do 2015. En terceiro lugar sitúase o PP, que conserva os catro concelleiros das eleccións de hai catro anos.

 

Fonte: Ministerio do Interior.

O candidato socialista en Verín, Gerardo Seoane, valorou moi positivamente os resultados que fixeron medrar ao seu grupo. Dixo sentirse “moi satisfeito polo respaldo masivo a un xeito de seguir transformando a nosa cidade, algo que agradezo de todo corazón” e quixo enviar unha mensaxe explícita aos responsables das formacións: “esixo a normalización da vida política en Verín”.

Seoane aseguraba que “os votantes deixaron unha mensaxe clara en Verín: rexeitan o sectarismo, non queren a política de obstáculos e atrancos nos proxectos que son importantes para eles, a política da chantaxe, das denuncias falsas e das coaccións. As veciñas e veciños de Verín queren eficacia na xestión, claridade nas ideas e cercanía e honestidade no trato”.

Neste senso, o candidato socialista avanzou que dende este mesmo luns comezará a traballar nos grandes proxectos para Verín que, “dun xeito ou outro están bloqueados nos despachos da Xunta de Galicia directa ou indirectamente”. Así, citou a solicitude de formalización das explotacións de augas minero medicinais de Caldeliñas, formulada hai tres anos aínda sen resposta, ao igual que a de outros acuíferos que o Concello pretende impulsar.

 

Artigos relacionados

Back to top button