En portadaGalerías de fotosSen categorizarÚltima hora

O pasado medieval de Sobrado de Trives

Da man da Asociación Cultural Folión de Sobrado, a vila recrea durante dous días a anexión do Foral á Coroa de Felipe II

Estandartes e bandeirolas de cores, escudos… Unha coidada decoración polas rúas dá a benvida á vila de Sobrado (A Pobra de Trives) na primeira fin de semana do mes de agosto, dous días nos que a vila regresa á Idade Media, máis concretamente ao momento da anexión do Foral de Sobrado e o seu Mosteiro á Coroa de Felipe II, cun completo programa de actividades vencelladas a eses acontecemetos que marcaron o devir deste pobo trivés.

Da man da Asociación Cultural Folión de Sobrado a idea nacía hai cinco anos e hoxe xa está máis que consolidada, contando coa colaboración dos veciños que se prestan a botar unha man, para converter o seu pobo nun auténtico centro medieval.

De feito, ao longo da fin de semana (1 e 2 de agosto) o mercado instalado na praza con todo tipo de postos (artesanía, gastronomía…), daba cor ás rúas mentres trovadores e xoglares deleitaron ao público con cantigas e romances, aínda que a fesa propiamente dita non arrancaba ata o sábado pola tarde. En torno ás 20:30h. igual que en anos anteriores, as Damas e Cabaleiros elixiron ao Rei das festas, que nesta ocasión foi Mª Luisa Prieto Sarmiento. Tralo desfile polo pobo, o acto remata coa coroación e pregón, así como a cea popular para tódolos veciños, seguida polo baile medieval.

Trala resaca do sábado, a festa continuou o domingo, cun gran desfile ao que nesta ocasión se sumaron dúas figuras xigantes chamadas “pantasmas” que datan do século XIX e foron recentemente restauradas pola asociación, convertidas en reis medievais tras anos de abandono. Tralo desfile chegaba o xantar e xa pola tarde, xogos, torneos e concursos populares fixeron pasar unha boa tarde aos asistentes ata o momento central do programa, a representación do Foral de Sobrado, un acto a través do cal Inés de Quiroga, última abadesa de Trives, fai petición a Felipe II para impedir a anexión do mosteiro de San Salvador de Sobrado ao de San Paio de Antealtares, de Santiago.

Con todo, o acto máis esperado polo público foi como cada ano o da representación da sentencia do Tribunal da Santa Inquisición (suposto xuizo e condea) e a posterior queima da bruxa despois de perseguila por todo o pobo, o broche de ouro a dous intensos días de festexos, lembranzas e homenaxes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Para máis información poden poñerse en contacto coa asociación a través do perfil de Facebook: Fulión de Sobrado, ou no teléfono: 667 64 95 44.

Artigos relacionados

Back to top button