OurenseÚltima hora

O pavillón de deportes dos Remedios, en Ourense, reabrirá as súas portas o 13 de xaneiro

Logo das obras de remodelación integral das instalacións, o Consello Municipal de Deportes activa dous protocolos para utilizalas

Exterior do pavillón dos Remedios antes da remodelación.

 

O Pavillón Municipal de Deportes dos Remedios reabrirá as súas portas o vindeiro mércores, día 13 de xaneiro, unha vez rematadas as obras de remodelación integral que se desenvolveron durante os últimos meses, por importe de 1,9 millón de euros.

O Consello Municipal de Deportes elaborou dous protocolos para a utilización desta infraestrutura municipal, que conlevan importantes novidades para as persoas que utilizan as instalacións, tanto nas reservas como no rexistro de persoas usuarias. Co obxectivo de cumprir os aforos establecidos pola normativa sanitaria en vigor as persoas que desexen utilizar as instalacións deberán efectuar unha reserva previa, a través da web https://deportesourense.deporsite.net vinculada ao programa de xestión de clientes do Consello Municipal de Deportes. Para reservar, hai que ser aboado e poderá realizarse desde o día 13 de xaneiro.

Para os abonos, o Consello Municipal recomenda realizar os trámites de forma telemática, aínda que se algunha persoa o precisa, pode dirixirse ás súas oficinas na avenida Pardo de Cela, número 2, en horario de atención ao público. Para darse de alta como abonado é preciso rexistrarse en   https://deportesourense.deporsite.net. Unha vez na plataforma, indicar o tipo de abono que se desexa adquirir e realizar o pago. A tarxeta poderase recoller no pavillón.

As persoas que teñan meses pendentes por consumir do abono do ano 2020, poderán utilizalos comunicándollo ao Consello Municipal de Deportes, a través dun correo electrónico ao enderezo: info@deportesourense.com, onde recibirán as indicacións para rexistrarse no novo sistema. As que tiveron abono nalgún momento, aínda que non estivese activo no momento da declaración do Estado de Alarma, deberán chamar por teléfono ao Pavillón e indicar un correo electrónico ao que se lles enviará un enlace para acceder ao sistema.

Todas as persoas interesadas poden consultar os protocolos completos na páxina web do Concello de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button