OurenseÚltima hora

O pavillón dos Remedios de Ourense reabrirá mañá as portas trala remodelación financiada pola Xunta

Alberto Núñez visitou esta mañá as instalacións deportivas acompañado do presidente da Deputación, do secretario xeral para o Deporte e do alcalde da cidade

 

O pavillón municipal de deportes dos Remedios de Ourense foi inaugurado en 1969 cun partido de baloncesto entre o Joventut de Badalona e o Real Madrid. 52 anos despois e logo das obras de remodelación iniciadas no mes de de novembro de 2020 e financiadas pola Xunta de Galicia cun importe de 1,9 millón de euros, reabrirá as portas mañá, mércores 20 de xaneiro.

Un día antes, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, visitaba o complexo acompañado do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e do presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar. Xunto a eles, o director do proxecto, Pablo Noya, a dirección da empresa construtora e representantes das institucións políticas de Ourense, entre outros.

 

O presidente da Xunta durante a visita.

 

Logo dunha visita polas instalacións, nas que puideron comprobar a nova configuración do antigo ximnasio -agora dividido en dúas alturas, abaixo vestiarios e outra sala de usos múltiples, arriba con maquinaria de última xeración e sala de usos múltiples-, os novos vestiarios e a reforma da accesibilidade aos diferentes espazos, alcalde de Ourense e presidente da Xunta coincidiron na mellora das condicións para os usuarios do espazo deportivo, como referente para a vida deportiva, social e cultural de Ourense.

Esta actuación comprendeu, entre outros aspectos, a renovación das fachadas; a modernización da entrada principal, á vez que se garante a accesibilidade en toda a instalación; o arranxo de toda a planta de soto, cun novo ascensor; a modernización de case 400 metros cadrados de vestiarios e aseos; e a reordenación dos espazos da piscina de 25 metros. Así mesmo, construíuse unha nova planta de 550 metros cadrados destinada a ximnasio, onde se aloxará unha sala nova de usos múltiples, unha sala de musculación e outra de actividades dirixidas; ademais de cambiarse o recubrimento de chans e paredes na piscina de 50 metros e aproveitar as augas termais para o atemperamento e climatización para auga quente sanitaria.

 

Comprobando o resultado das obras na piscina.

 

Feijóo aproveitou a visita para destacar a ampla tradición coa que conta a cidade no eido do deporte, con equipos tanto femininos como masculinos no fútbol, baloncesto, fútbol sala, hóckey, atletismo, rugby ou voleibol. Neste liña, lembrou que, ademais da reforma deste pavillón, a Xunta realizará tamén as obras no Estadio do Couto, que forman parte do orzamento deste ano 2021 cun importe de 1,7 millóns de euros para actualizar parte das instalacións, así como ampliar parte das oficinas ocupadas polas federacións para independizar os usos deportivo e administrativo. “E contamos coa pista de atletismo cuberta de Expourense, homologada para campionatos europeos”, recordou.

O presidente da Xunta garantiu ademais o compromiso co complexo deportivo de Monterrei, cuxa zona deportiva está rematada e xa está adxudicado o servizo de redacción do proxecto de construción do parque acuático. “Estamos a falar dun orzamento total de 9 millóns de euros, cofinanciados ao 50% entre a Xunta e a Deputación”, precisou.

Artigos relacionados

Back to top button