Con ilusión, pero tamén moita precaución e baixo un estrito protocolo Covid-19, se celebrará en outubro a “Volta a Valdeorras MTB 2020 – Godello Bike Rice”, que terá a base de operacións no Hotel Monumento Pazo do Castro (O Barco).
Ese será o punto de partida e meta desta proba por etapas de categoría nacional, que se realiza dentro das normas e o protocolo da Federación Galega de Ciclismo, prevista para os días 10 e 11 do vindeiro mes de outubro.
Segundo o regulamento, a proba será por parellas (masculino, mixto e feminino) en formato maratón (XCM) e ambas etapas contrareloxo, con saídas escalonadas cada 20 segundos, cunha separación de 1,5 metros entre os membros da parella e de 3 metros como mínimo coa parella que lles precede. As etapas serán de 15 km e un desnivel de 500+ e 65 km e un desnivel de 1900+ respectivamente.
Debido ao protocolo Covid, o evento está limitado a 200 participantes e tanto o briefing como as reunións de equipo serán virtuais.