EconomíaEconomíaÚltima hora

O peche do ocio nocturno en Galicia farase efectivo ás 00h. do luns 17 de agosto

A Consellería de Sanidade vén de publicar este sábado esta e outras medidas nun DOG extraordinario

 

Na noite do domingo ao vindeiro luns farase efectivo en Galicia o peche total do ocio nocturno, en concreto a partir das 00h. do 17 de agosto. Un peche que xa se aplica na comarca da Coruña, a zona da comunidade máis afectada polo Covid nestes momentos.

Esta tarde o Diario Oficial de Galicia vén de publicar a  “Orde do 15 de agosto de 2020 pola que se modifican determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade”.

Así a orde especifica que “os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas”.

Tamén se indica que “os locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno permanecerán pechados. Entenderanse por establecementos de lecer nocturno, para os efectos do establecido nestas medidas, as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores. A medida será de aplicación tanto respecto do interior dos locais como das terrazas destes establecementos”.

Ademais no texto da orde recoméndase á cidadanía “restrinxir os encontros sociais fóra do grupo de convivencia estable e limitar os encontros sociais a un máximo de dez persoas».

Estas medidas aplícanse tras o acordo do Consello Interterritorial de Saúde adoptado o día 14 de agosto sobre actuacións coordinadas entre o Ministerio de Sanidade e as Comunidades Autónomas en materia saúde pública para responder “á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos por Covid-19”.

Consulta a orde aquí: AnuncioC3K1-140820-1_gl

 

 

Artigos relacionados

Back to top button