SanidadeÚltima hora

O perímetro exterior do Materno Infantil pecharase o luns ao tráfico de persoas e vehículos alleos á obra

O acceso á Resonancia Magnética e TC de pacientes ambulantes realizarase desde o luns pola entrada principal do edificio Cristal e non desde Cruceiro Quebrado

Publicidade
Imaxe das obras que se están a realizar no Hospital de Ourense.

 

A Consellería de Sanidade vén de informar de que para permitir o avance das obras do plan director do Hospital Universitario de Ourense, procederase ao peche do valado que rodea o edificio Materno Infantil, o que modificará a vía de acceso, desde a rúa Cruceiro Quebrado, dos pacientes ambulatorios que acuden á Resonancia Magnética e TC, que desde este luns entrarán polo Edificio Cristal.

“Estas medidas permitirán obrar con seguridade nos traballos de perforación que se realizarán no vial interior, situado entre os Edificios Cristal e o novo Hospitalizacion, con maquinaria especial, e á retirada da pasarela metálica que une os edificios Materno-Infantil e Cristal pola primeira planta”, segundo Sanidade.

O valado de seguridade do perímetro de obras e o acceso de materiais e vehículos ás mesmas está a limitar temporalmente as prazas de estacionamento, situadas próximas a este núcleo de edificación, reservadas para persoas con discapacidade e atención temperá, así como as de motos. Por elo prégase a todos os usuarios e visitantes a súa colaboración, limitando a circulación de turismos para priorizar o acceso de persoas con mobilidade reducida, de idade avanzada ou con máis dificultades, e facilitar a parada ou detención de vehículos para achegalos ou recollelos.

Un investimento de 48,3 millóns de euros

As obras de ampliación do Hospital Universitario de Ourense foron adxudicadas, por 48,3 millóns de euros, á UTE composta por S.A. DE OBRAS Y SERVICIOS, COPASA-PUENTES Y CALZADAS INFRAESTRUCTURAS. SLU, e están cofinanciadas con fondos europeos FEDER,
Durante os 40 meses previstos para a execución deste ambicioso proxecto de ampliación, construirase un novo edificio, de hospitalización e ambulatorio, de 12 plantas, situado entre o edificio Cristal e o Materno Infantil, este último edificio tamén se reformará integralmente.

O novo edificio de 12 plantas destinaranse a usos ambulatorios, desde o andar menos dous ata o segundo piso e, desde a terceiro ata ao noveno, a hospitalización. Para a súa construción é necesario realizar unha serie de obras previas, en curso na actualidade, así como habilitar novos núcleos de comunicación.

Estes traballos de inicio inclúen modificar a rasante da vía interior entre Cristal-Hospitalización, demoler a pasarela e as escaleiras e unha franxa de catro metros no andar cero do edificio Cristal, na súa fachada posterior, así como contruir un novo molle de carga e descarga.

Para mellorar as comunicacións interiores, nestes primeiros pasos das obras tamén se executará un novo núcleo vertical, de ascensores e escaleiras, no nexo de unión do antigo edificio de hospitalización, e realizarase unha remodelación interna no edificio Cristal para adaptar un núcleo de escaleiras. Ademais, crearase unha vía de comunicación horizontal directa, entre o Servizo de Urxencias e o novo edificio de Hospitalización, desde a planta cero.

Artigos relacionados

Back to top button