EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O Periódico O Sil recibe unha das “Bicas de Ouro” de Trives

O Concello entregaba doce galardóns no marco da 45 edición da Festa da Bica

Na xornada do 28 de xullo A Pobra de Trives vivía un dos seus días grandes: o da Festa da Bica, que chegaba á 45 edición cunha manchea de actividades en torno ao tradicional doce e tamén á cultura galega.

O programa arrancaba en torno ao mediodía cun desfile de bandas de gaitas dende a praza do Concello no que participaban a Xuntanza de Cataluña, a Real Xuvenil e Os Trintas de Trives.

Durante toda a mañá houbo un mercado de artesáns da A.C. Tarabelada e xa en torno ás 13:30h. tiña lugar a lectura do pregón a cargo de Francisco García Sánchez (Farruco), fillo e neto de biqueiros, historiador e director do IES Xermán Ancochea quen, fiel ao seu legado familiar e á súa profesión, fixo un repaso pola historia da Bica de Trives dende as súas orixes ata a súa receita, así como polas confiterías que elaboran tan doce manxar.

Con todo, o prato forte chegaba ao rematar a intervención, baixo a carpa insatalada na rúa San Martín onde 500 persoas asistían ao xantar cun menú a base de empanada, pulpo á feira, carne ao caldeiro, viño, café e licores. E mentres a charanga Nova Terras de Trives entonaba as últimas notas, entregábanse por primeira vez dos premios “Bicas de Ouro” como recoñecemento a diferentes persoas ou entidades “pola súa contribución na posta en valor do noso concello así como sa súa divulgación, potenciación e promoción en sectores coma o económico, o cultural, o deportivo, o turístico e o patrimonial, entre outros”.

Unha desas distincións foi para o Periódico O Sil “pola súa promoción e divulgación de A Pobra de Trives dende a súa publicación e a cobertura de todas as actividades culturais, deportivas, turísticas ou de ocio no noso concello”. O director do xornal, Carlos García Hervella recollía o galardón de mans do propio alcalde Domingo Diéguez quen o felicitaba polo traballo e aseguraba que “non hai acto no que non esté Carlos coa cámara, polo que é máis que merecido que sexa o primeiro medio de comunicación en recibir este premio”.

Tamén foron galardoados os voluntarios de Protección Civil, Hostal La Viuda, Adega Casa da Corga, Jorge Guerra, Adega Chao do Couso, A.C. A Caniceira, Motoclub Os Esquíos, Carlos Temes, C.D. Trives, Escolas Deportivas Municipais e Elías Álvarez a título póstumo.

Mañá, domingo 29 de xullo a bica tamén estará presente en Cabeza de Manzaneda onde se celebra o IX Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button