En portadaÚltima hora

O persoal do servizo de extinción de incendios poderá colaborar na loita contra o coronavirus

Era unha das medidas que anunciaba o presidente galego tras a reunión do Centro de Coordinación Operativa

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, na rolda posterior á reunión do Consello da Xunta. No Centro de Atención de Emerxencias CAE 112 Galicia. A Estrada (Pontevedra).

“É necesario seguir habilitando medidas para a contención do virus, intentando aprender da experiencia doutros países e rexións”, sinalaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez, tras presidir este mércores 18 de marzo o Consello da Xunta de Galicia e unha nova reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop).

Na súa comparecencia detallaba a habilitación de máis medidas e máis persoal para ofrecer “a mellor resposta a todos os niveis centrada na contención do coronavirus”. Entre as medidas adoptadas no ámbito sanitario, destacou que o centro de coordinación está a definir hoteis aptos e accesibles para asumir hospitalización en caso de ser necesario. “Xa temos contactado coas 6 federacións de hostaleiros de Galicia para cotexar as dispoñibilidades dos establecementos máis adecuados, tanto por accesibilidade, como por tamaño, distribución e proximidade aos diferentes centros sanitarios máis importantes”, precisou.

Nesta mesma liña, resaltou que os centros e os establecementos sanitarios privados, así como o seu persoal, póñense a disposición do operativo sanitario, dando a instrución de reprogramar nestes hospitais privados a actividade non urxente para que teñan dispoñibilidade e espazo. Ademais de poñer tamén a disposición do 061 as ambulancias, os equipos e os recursos humanos de todas as empresas de transporte sanitario en Galicia.

Por outra banda, o Cecop traballou tamén no incremento dos efectivos para colaborar nas labores de contención e de asistencia ante a emerxencia, colaborando e coordinándose coas Forzas e Corpos de Seguridade, coas Policías Locais, cos efectivos de Protección Civil e co Exército. Ao respecto, Feijóo informou da posibilidade de que os concellos poidan reforzar as súas plantillas de Policía local, a través dun procedemento específico e simplificado, con 120 auxiliares da lista de contratación existente tras a realización das convocatorias unificadas; e mesmo de poder contratar ao persoal que aprobou as convocatorias pero que se atopaba sen praza.

Como medida novidosa, destacou tamén que o persoal do servizo de extinción de incendios poderá colaborar na asistencia e na loita contra a extensión do virus, especialmente no ámbito do rural galego. “Evidentemente, a función principal e prioritaria destes profesionais seguirá a ser a loita contra o lume, pero dado o momento no que nos atopamos, poderán tamén colaborar en funcións como é a vixilancia de zonas do rural, camiños e pistas para garantir que se cumpre o confinamento; e auxiliar a persoas que viven en lugares de difícil acceso e facerlles chegar víveres ou material sanitario”, precisaba o presidente da Xunta.

“En definitiva, estamos a falar de máis medios e máis persoal”, dixo, resaltando que na reunión do Cecop constatouse, unha vez máis, que a necesidade máis perentoria é a de material sanitario.

“Volvemos poñer enriba da mesa a necesidade de equipos de protección individual para centros sanitarios e ambulancias, para residencias da terceira idade e centros de discapacidade con internamento, para persoal de servizos de emerxencias e de Protección Civil e para os operarios do servizo de recollida e tratamento de residuos”, dixo, entre outros moitos colectivos que están traballando, día a día e a reo, na loita contra o coronavirus e que precisan de medios para facelo coa máxima garantía e seguridade.

Neste sentido, e aproveitando a presenza do delegado do Goberno na xuntanza, Feijóo volveu recordar que o Executivo central é a única autoridade competente para distribuír este material.

Despois de confirmar que, neste momento, na Comunidade son 334 as persoas afectadas, recordou que Galicia sigue facendo probas: “Pensamos que ese é o obxectivo e ese é o procedemento axeitado, porque cantos máis doentes estean diagnosticados, a máis doentes poderemos tratar”.

 

Artigos relacionados

Back to top button