SanidadeÚltima hora

O persoal sanitario corresponderá ao apoio cidadán na pandemia colaborando co banco de alimentos

 

O persoal de todos os centros sanitarios públicos de Ourense corresponderá ao apoio da cidadanía, durante esta pandemia, colaborando co Banco de Alimentos, nunha campaña de recollida de fondos, xa que este ano as medidas de protección fronte a Covid impide a recollida de alimentos, polo que esta iniciativa permitirá financiar a compra dos mais necesarios por parte desta ONG, segundo informa o Sergas.

Esta cadea solidaria, promovida pola Asociación Apetéceme ser Amigo da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ten por obxectivo financiar a compra dos alimentos mais necesarios para a súa campaña de Nadal, por parte desta ONG sen ánimo de lucro, con carácter apartidista e aconfesional, con ámbito de actuación provincial. (Inscrito no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, co número VP-2187).

“A Asociación Banco de Alimentos ten como fin a captación, clasificación e distribución destes entre as distintas entidades sociais, que son, en última instancia, os encargados de realizar o reparto directo entre as persoas de Ourense, xa que son as entidades sociais as que determinan os requisitos para ser beneficiario e perceptor de alimentos”, segundo Sanidade.

Para a recollida de fondos nos tres centros hospitalarios instalaranse petos que, nunha cadea de solidariedade, percorrerán todos os Centros de Saúde da provincia, da man de dos distintos profesionais, padriños ou madriñas da campaña, para facilitar que poda participar todo o persoal que o desexe.

Ademais dos petos, as donacións poderán realizarse mediante transferencia ao número de conta do Banco de Alimentos de Ourense, ou a través do teléfono mediante un código BiZUM. A participación será exclusivamente económica e, a diferencia doutros anos, non se recollerán produtos alimenticios, ou outros obxectos, polas dificultades de manexo ante as medidas de protección Covid.

A campaña estará activa ata o 6 de xaneiro, e periodicamente informarase ao persoal das cifras da recadación, que igualmente serán actualizadas diariamente na cafetería de persoal do Hospital Universitario de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button