O Entroido de Xinzo de Limia arranca mañá sábado 16 de xaneiro co Petardazo. O acto en si comezará a partires da medianoite na praza Carlos Casares e de seguido actuarán Xituma Batuke e a charanga XL.
O día seguinte domingo 17 será o Fareleiro co reparto de fariña a partires das 16h. e unha semana máis tarde chegará o Oleiro máis tradicional dos últimos anos. O sábado procederase ao aforcamento do Meco tralo percorrido polas rúas acompañado por fachóns e corozas. E o domingo 24 terá lugar o xogo das olas polas rúas do casco vello de Xinzo con acompañamento musical.
Segundo o programa presentado pola comisión, o Entroido de Xinzo continuará coa Noite de Corredoiro (30 de xaneiro), o Domingo Corredoiro (31 de xaneiro), o Venres Infantil (5 de febreiro), os catro días centrais: Sábado, Domingo, Luns e Martes de Entroido, do 6 ao 9 de febreiro, e o Enterro da Sardiña (mércores 10 de febreiro).
O broche a un mes de celebracións poráo o Domingo de Piñata (14 de febreiro).