CulturaCulturaÚltima hora

O petinés Alfonso Blanco recollerá mañá o Premio Ourense do OUFF na apertura do festival

 

Alfonso Blanco na clausura do OUFF 2020./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A gala de apertura do 26 Ourense Film Festival (OUFF), que terá lugar na tarde do 24 de setembro, incluirá a entrega de ata catro premios a importantes representantes do mundo do cinema. Sobre as táboas desfilarán o produtor valdeorrés Alfonso Blanco “Fosco” que recollerá o Premio OUFF Ourense; Leonor Silveira, Calpurnia de Honra Internacional, Luma Gómez, Premio Fundación AISGE a toda unha traxectoria, e Beli Martínez, Premio OUFF Chano Piñeiro.

Alfonso Blanco presume das súas raíces sempre que pode. Natural de Freixido de Abaixo, concello de Petín, viviu na cidade de Ourense dende mozo, onde se trasladou a rematar os seus estudos e desenvolveu a súa afección polo cine. No mundo do audiovisual comenzou traballando en series míticas da TVG como Mareas Vivas, Terra de Miranda, Padre Casares ou Matalobos. Tamén produciu diversos programas de televisión e é docente do Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade de A Coruña.

No ano 2010 funda a súa propia produtora, Portocabo, buscando producir ficción de calidade para televisión e que de seguido comeza a ter éxito. Vidago Palace, unha coprodución entre a TVG e a RTP portuguesa comeza o camiño do éxito internacional que segue con Hierro, de Movistar+ ou con Auga seca, adquirida pola HBO. O pasado ano deron o salto ás longametraxes con Cuñados, rodada integramente en Ourense. A película, que contou coa participación de RTVE, TVG e Movistar+ e coa colaboración da Deputación de Ourense e a D.O. Ribeiro, foi un gran éxito neste 2021.

Tamén dende o pasado ano, Alfonso Blanco é membro da International Academy of Television Arts & Sciences, sendo o primeiro galego e o séptimo español en conseguilo. Trátase da organización de empresas de produción e distribución máis importantes do mundo e que recoñece a programación televisiva producida fora de Estados Unidos cos Premios Emmy.

Artigos relacionados

Back to top button